Bico de Xeado, da granxa ao cornete
Pola mañá, café, e pola tarde, xeado! O novo local da coñecida xeadería artesanal galega, que acaba de abrir o seu terceiro establecemento en Vigo, na cobizada rúa do Príncipe, ademais dos seus cremosos xeados de leite galego, tamén se serven cafés e gofres desde a mañá.
Bico de Xeado naceu no seo da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña como unha aposta por revalorizar o sector lácteo. Converteron a súa principal materia prima, o leite acabado de muxir, na cremosa sobremesa. Ademais de utilizaren leite galego, coidan a procedencia das demais materias primas, priorizando a compra de ingredientes de proximidade. Unha elaboración artesanal e unha materia prima de orixe natural son o seu mellor segredo para conseguir unha gran cremosidade.
Entre os seus sabores máis populares atópanse a aclamada torta de queixo, o clásico chocolate, o delicioso doce de leite e o popular pistacho; os dous últimos, con receita mellorada esta tempada. Aínda que, de tanto en tanto, nos sorprenden con edicións cápsula: o sabor San Valentín, o de queixo de Arzúa con marmelo ou a proposta de Nadal foron os seus últimos grandes éxitos. Todos os seus xeados son sen glute e, ademais, ofrecen opcións para intolerantes á lactosa, como o de amorodo e o de cacahuete. Para quen prefire alternativas sen azucre engadido, dispoñen de variedades como avelá e froitos vermellos.
O seu novo local na rúa comercial terá un horario máis amplo que os anteriores para ofrecer cafés e gofres desde a mañá. Os gofres, tamén de receita propia e elaborados en poucos minutos no momento de pedilos, son sempre sen glute, sen que isto repercuta na esponxosidade nin no sabor. Podemos tomalos con nata, chocolate, doce de leite e, por suposto, unha bola de xeado.
Este ano, Bico de Xeado celebra o décimo aniversario da apertura da súa primeira tenda na Coruña, en 2015, un fito que subliña a súa traxectoria e o éxito no sector da xeadería artesanal galega. Desde a marca aseguran que «o seu crecemento sostido e sostible conseguiu converter o xeado nun bico».
Rúa do Príncipe, 49; Praza da Estación, 1; Rúa de Cánovas del Castillo, 1 | @bicodexeado | bicodexeado.es
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Cinco motivos para ir a Play-Doc - 2 Maio, 2025
- Diesemm, impulsando Vigo a través do deporte, a gastronomía e o emprendimento - 2 Maio, 2025
- Bico de Xeado, da granxa ao cornete - 29 Abril, 2025
- Porto Café, café de especialidade e almorzos artesanais - 10 Abril, 2025
- Froitas Xeitosiña, tradición e frescura - 10 Abril, 2025