Bazares nos Bares reúne as mellores propostas locais para lucir este verán
Nova edición de Bazares nos Bares este sábado. Churruca volverá converterse nun gran bazar no que artesáns, deseñadores e artistas locais presentarán as súas creacións ante o público vigués. Ademais, haberá actividades e obradoiros nos que pequenos e maiores poderán deixar voar a súa imaxinación.
Churruca tamén vive de día. Ese é o lema de Bazares nos Bares que chega, con esta, a súa VI edición. A cita é este sábado, dende as 12 da mañá ás 10 da noite, once locais da zona se converterán en bazares por un día nos que se darán a coñecer os traballos de artistas locais. Haberá: ilustración, escultura, pintura, cerámica, coiro, xoiería, traballos en madeira, roupa, moda vintage, complementos, xardinería, decoración, cómics, libros, vinilos, cosmética natural, produtos ecolóxicos…
Ademais, durante toda a xornada haberá actividades e obradoiros pensados para que tódolos asistentes deixen voar a súa imaxinación e se convertan, eles mesmos, en creadores de arte. As actividades están dirixidas ao público de tódalas idades. Nesta nova edición do festival, haberá un obradoiro de papiroflexia, a cargo de Orikiku; os asistentes poderán crear a súa lámina “Rosalía de Castro”, coa axuda de Arte Miuda. Haberá xogos con xices de cores na rúa en varios puntos do itinerario entre locais; quen queira pode sacar a súa vena artística e deixar a súa pegada na parede creativa que se habilitará xunto ao Reserva Rock; os deseñadores de La Canalla dirixirán un obradoiro téxtil; haberá manicura personalizada a cargo de “Rania Shop” e Josef Mendez (Horror Art) fará unha creación en directo.
Os locais participantes nesta edición de Bazares nos Bares son: Reserva Rock, Korova, Tinta Negra, Sala Magnética, Batallón Baiuca, La Casa de Arriba, Bizarre, Cantina Candela, El Velero, Brewing Records e Apiramoria.