CAMELIAS MASCOTAS

Bad Gyal, Jorge Drexler e La M.O.D.A entre as primeiras confirmacións do Festival Portamérica

Despois de apenas unha semana desde o anuncio das novas datas e a saída dos tradicionais Abonos Creyentes, o Festival PortAmérica lanza hoxe o primeiro adianto dos artistas que actuarán na Azucreira de Portas os días 13, 14 e 15 de xullo.

Cartel PortAmérica 2023

A emblemática Azucreira de Portas acolle un ano máis o PortAmérica, que terá lugar a fin de semana do 13,14 e 15 de xullo. O festival, que acostuma unir melodías e sabores de ambos lados do Atlántico, volve cun cartel inicial co mellor dos diferentes recunchos do mundo.

Esta edición a lista ven encabezada por grandes artistas internacionais do xénero urbano, como a icona nacional Bad Gyal, gañadora do premio MTV á Mellor artista española do 2022. Atopamos ademais ao rapero Nanpa Básico, considerado hoxe en día como o máximo representante do rap colombiano, ou ao trapero arxentino Ysy A, creador de ‘El Quinto Escalón’, a competición máis importante de batallas de freestyle de rap hispanoparlante e fábrica de talentos como Duki, Trueno, Paulo Londra e Wos.

A nivel internacional destacan algúns dos cantautores latinoamericanos máis influentes do mundo, como é o caso do músico e produtor arxentino Gustavo Santaolalla, gañador de dous premios Oscar, 18 Grammys, 2 Baftas e un Golden Globe. Tamén estarán presentes dous dos grandes triunfadores nos premios Latin Grammy deste ano: o compositor uruguaio Jorge Drexler, galardoado con 7 estatuiñas, e a mexicana Silvana Estrada, gañadora do premio Artista Novo do ano con só 25 anos. O rock arxentino dos Bandalos Chinos e as irreverentes letras da banda mexicana Molotov teñen tamén o seu sitio no apartado máis internacional do festival, onde tamén estarán grupos como Conociendo Rusia, Orkesta Mendoza e Son Rompe Pera.

Como non podía ser doutra maneira, PortAmérica segue manténdose fiel á súa esencia indie-pop e combina no seu cartel a bandas icónicas como La M.O.D.A con artistas que representan a nova ola do pop español, como Pole ou Funzo & Baby Loud, cuxa colaboración con Hens na canción ‘Batmóvil Remix’ colouse no TOP 50 de Spotify España. O cantante Dani Fernández, recoñecido co Premio Ondas 2022 e a banda Sexy Zebras, gañadores do Premio IMAS á Mellor banda Española en México, serán outros dos protagonistas do festival. Sen esquecer a Second, que dará un concerto de despedida tras anunciar a súa separación despois de 25 anos triunfando na escena indie rock nacional.

Completarán o cartel artistas emerxentes da talla do cantautor murciano Muerdo, a banda xerezana Flecha Valona e a cantante canaria Marilia Monzón, así coma grandes nomes do panorama musical galego. É o caso do incombustible Carlangas, o rompedor Grande Amore e dous djs que porán a bailar a todo o público do festival: Galician Army e La Duendeneta. 

ShowRocking, zona gastronómica do PortAmérica

Ademais da música, no primeiro avance do festival tampouco faltan as primeiras confirmacións dos chefs que nos deleitarán cos seus petiscos no ShowRocking, a zona gastronómica do festival, onde ademais de sabrosa comida hai actuacións sorpresa. Igual que en pasadas edicións, Pepe Solla (Casa Solla, Poio) será o comisario dos chefs, dos cales xa coñecemos a Begoña Rodrigo  (La Salita, Valencia), Catalina Vélez (Domingo de Vereda, Cali, Colombia), Edgar Núñez (SUD777, Ciudad de México, México), Maca de Castro (Maca de Castro, Alcúdia), Vicky Sevilla (Arrels, Sagunto), Diego Novas (El Olivo, Vigo), Tomás Bermúdez (La Docena, Guadalajara, México), Fabián Delgado (palReal, Guadalajara, México), Javi Olleros (Culler de Pau, O Grove), Andoni Luis Aduriz (Mugaritz, Erreteria), Lydia del Olmo e Xosé Magalhaes (Ceibe, Ourense) e Héctor López (Restaurante España, Lugo). Estas 13 novas confirmacións suman un total de 11 Estrellas Michelin e 17 Soles Repsol.

REVISTA NOVEMBRO

O ShowRocking contou na súa derradeira edición con 38 chefs multipremiados que, coma cada ano, fixeron gozar ao público con petiscos gourmet únicos, creados especialmente para o PortAmérica. Ademais, incorporouse unha nova sección de pastelería que puxo a guinda ao décimo aniversario do festival. O formato do ShowRocking é a día de hoxe o restaurante efímero máis grande do mundo, onde cada ano sírvense máis de 20 mil tapas. 

As entradas para o PortAmérica 2023 xa están á venda en portamerica.es, na segunda oferta de abonos a 65€ máis gastos de xestión, o prezo cambiará a medida que se agoten os tramos. Como novidade, este ano pódense conseguir as entradas dando uso do Bono Cultura Xoven.

Na pasada edición do 2022, o festival PortAmérica reuníu a 28 mil asistentes, o que o converte nunha das citas culturais máis importantes da época estival en Galicia.