REVISTA MARZO

La Mala Rodríguez e Toundra entre as primeiras confirmacións de Underfest

O festival Underfest que se celebrará do 7 ao 12 de outubro anuncia os primeiros artistas que participarán na cuarta edición deste evento: La Mala Rodríguez, Lina_Raül Refree, María Arnal i Marcel Bages, Leifur James, Bflecha, The Mistery Lights, Margarida Mariño, Mastodonte e Toundra actuarán en Vigo este outono.

Banner A Movidiña

Despois de tres exitosas edicións, o festival Underfest celebrará en Vigo a súa edición máis extensa este outubro, con seis días de música en directo en diferentes espazos da cidade. Por este evento de música urbana pasaron, nos tres anos anteriores, un total de 71 artistas entre os que atopamos nomes de fama internacional como Slowdive, Benjamin Clementine, Peaches ou Villagers.

O cartel de 2021 vaise perfilando e xa coñecemos nove artistas que o conforman. La Mala Rodríguez estará presentando por primeira vez en Galicia o seu novo show ‘Lujo ibérico unplugged’; sons que mesturan a tradición e a electrónica chegarán da man do dúo catalán formado por María Arnal i Marcel Bagés; The Mistery Lights veñen desde os Estados Unidos dispostos a poñer patas arriba o festival coa súa mestura aditiva de garage e r’n’r; o actor Asier Etxeandia xunto ao produtor Enrico Barbaro dan vida a Mastodonte, un proxecto no que combinan espectáculos sensoriales plagados de elementos visuais e teatralidade; o fado na súa versión máis renovada é a proposta que veremos no concerto de Lina e Raül Refree; Toundra recreará a banda sonora dun dos filmes de culto do cine mudo ‘Das Cabinet del Dr Caligari’; o cantante londinense Leifur James presentará o seu segundo disco ‘A louder silence’. Tamén haberá espazo para a música local, Bflecha será a encargada de inaugurar o festival e presentar o seu último traballo ExNovo; e tamén estarán presentes Margarida Mariño e o seu violonchelo.

Os abonos para o festival xa se poden adquirir a través de ataquilla.com, proximamente tamén se poderán adquirir entradas individuais para cada un dos concertos.