Atlânticas, un ecosistema de apoio
Hai seis anos que María Gómez e Gabi Otero coincidiron nunha encrucillada cando ambas iniciaban senllas rutas. O encontro produciuse en Lugo, nun evento sobre emprendedoras; desde aí decidiron tirar cara ao océano e botar a andar a comunidade Atlânticas en xuño de 2018. Ao pouco uníronse á tripulación a fotógrafa Carmen Coperías e a copywriter Vanesa Varela.
Con este proxecto preténdese crear unha comunidade de emprendedoras desde a que organizar eventos, fomentar sinerxías, confeccionar unha rede de apoios e aumentar a visibilidade deste tipo de iniciativas. Na actualidade, esta rede conta con case 50 persoas afiliadas, pero polas diferentes edicións do «Cafê a bordo», un evento que organizan periodicamente en diferentes puntos de Galicia, xa pasaron máis de 200 empresarias. «Non é só un espazo para facer negocios, senón tamén amigas», explica Gabi. Detrás destas actividades en comunidade hai un labor diario invisible que custa moito rendibilizar, como recoñecen as propias responsables. Con todo, están orgullosas de ter creado este ecosistema e de exercer como motor entre todas as relacións laborais que xorden ao redor de Atlânticas. «Emprender ten unha carga emocional moi forte, polo que moitas veces precisas apoios para seguir adiante», afirma María. Outro dos motivos da creación desta iniciativa foi poder tecer estas redes aquí, en Galicia. «Este tipo de proxectos son moi habituais noutros lugares, pero aquí non había», contan.
O territorio é unha parte imprescindible de Atlânticas, e por iso os seus eventos van movéndose dunha cidade a outra. Xa que hai emprendedoras de moitos ámbitos, o coñecemento compartido é outro dos valores que defenden, polo que tratan de estar constantemente formándose en diferentes materias e estar sempre ao día. «É un dar e recibir constante», resumen. Todas as marcas que están dentro desta comunidade teñen, segundo Gabi, un punto en común: «buscan crear un impacto positivo coa súa empresa, non só vender por vender; iso únenos, sen dúbida».
Aproveitando que o 19 deste mes foi o Día Internacional da Muller Emprendedora, desde Atlânticas organizaron un editorial fotográfico coas marcas asociadas da man de Carmen, para mellorar a visibilidade do proxecto e ofrecer material gráfico de calidade. «O maior problema co que batemos as emprendedoras é que os nosos servizos moitas veces non chegan á xente, por iso poñemos todo o coñecemento que temos ao servizo das marcas, para solucionar iso», conclúen.
@somosatlanticas | atlanticas.es
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024