REVISTA MARZO

“As nosas pioneiras” xa están na Gran Vía

A Marcha Mundial das Mulleres e a Tamborililás Batukada feminista de Vigo inauguraron esta tarde, “en solidariedade co vandalizado en Ciudad Lineal”, un mural con sete retratos de mulleres pioneiras de Vigo e arredores. Para a obra, que titularon “As nosas pioneiras”, contaron coa colaboración da muralista Eva Casais.

Banner A Movidiña

O 8 de marzo de 2021 un mural ubicado na parede dun pavillón deportivo que amosaba 15 mulleres importantes da historia universal apareceu vandalizado en Ciudad Lineal, Madrid. O triste acontecemento ocorreu despois de que Vox pedira a súa eliminación e a veciñanza defendera a súa continuidade no barrio. De Madrid a Vigo, este acto xermolou nas mulleres viguesas a idea de crearen o seu propio mural, a semellanza do da capital, no que quedase plasmado o seu rexeitamento ao ataque e puxese cara a mulleres que “antes ca nós, loitaron pola igualdade na nosa terra”.

A ilustradora e muralista Eva Casais colleu a batuta artística do mural que desde hoxe está ubicado no número 99 da Gran Vía e no que, sobre un fondo de intensa cor violeta, podemos ver os retratos en branco e negro de sete mulleres “que teñen distintos grados de relevancia en distintos ámbitos”. Durante dous días, ata 15 mulleres dos colectivos Marcha Mundial das Mulleres e Tamborililás Batukada Feminista traballaron para pintar esta obra sobre un muro de sete metros ubicado no número 99 da Gran Vía.

As “pioneiras” escollidas polas feministas viguesas son Carmen González “A Picona”, curandeira defensora do dereito ao aborto; Rosarío Hernández “La Calesa”, vendedora de xornais e torturada e asasinada polo franquismo; Urania Mella, artista, alfabetizadora e fundadora da Unión de mulleres antifastistas, tamén sufriu a represión da ditadura; Saladina, muller trans obrigada a vivir nas marxes; Corona González Santos, fotógrafa que non gozou do merecido recoñecemento en vida; Placeres Castellanos, mestra, enfermeira, xornalista e guerrilleira; e Olimpia Valencia, primeira médica galega da que podedes coñecer máis neste artigo.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.