As casas viguesas de Fernández del Riego
Atrás quedarían o berce de Vilanova de Lourenzá (onde naceu o 7 de xaneiro de 1913), o Santiago universtario mais a Compostela de militancia política e compromiso co papel. Francisco Fernández del Riego refuxiouse aquí na posguerra. Vigo converteuse na súa poliédrica casa (onde finou o 26 de novembro de 2010). A pulso gañou a calidade de veciño distinguido. Unha praza e unha pinacoteca co seu nome certifican o enlace coa urbe. Un privilexio pra nós. Visitamos lugares vencellados co elixido polo Día das Letras Galegas. Oxalá resucitemos a inconfundible figura, cos lentes de grosa montura e rostro vitalista, pra ter nos nosos modelos a quen entregou a vida ao pobo galego.
O sábado 20 organizamos unha ruta para coñecer o Vigo de Francisco Fernández del Riego. Xurxo Martízez guía este percorrido gratuíto que parte ás 11:00 da Porta do Sol. Máis información aquí.
A casa familiar (praza de Compostela, 29)
A Alameda de Vigo óleme a churros e lémbrame o Día da Palma. A churrería asemellábaseme a unha casiña de Nadal, coa cheminé sob o tellado de lousa mentres as crianzas corretean arredor. As fotos pola Palma en singulares esculturas que adornan os xardíns. Gustábame montar sobre elas coma John Wayne nos filmes «de indios e vaqueiros» que a papá lle gustan tanto. Nesa idade descoñecía a Francisco F. del Riego. Tardei anos en saber que no número 29 residía un dos intelectuais máis sobranceiros do século XX. Unha placa, promovida pola Fundación Peña Novo, infórmanos hoxe do dato. Agora a Alameda segue a olerme á churrería, a lembrarme o Día da Palma e, ademais, a facerme presente o compromiso coa nosa terra.
A casa editorial (rúa da Reconquista, 1)
Desque Juan Compañel publicase na rúa Real os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, Vigo consolidábase como a capital do libro galego. A Editorial Galaxia fixou sede no número 1 da rúa da Reconquista. Francisco F. del Riego entregouse á empresa cunha intensidade difícil de igualar. Pénsese só na extensa correspondencia con autores. Algúns deles, coma Álvaro Cunqueiro, retornarían á literatura galega grazas á súa teimuda mediación. Ademais empaquetaba os libros, encargábase dos envíos, conectaba co exilio, carregábaos acordoados pra seren expostos en librarías (aínda que non sempre fosen aceptados) etcétera. Eficaz e resolutivo, Del Riego recibía máis encargos. Un deles foi codirixir con Ramón Piñeiro a revista decana da cultura galega: Grial. Padeceron a censura e viviron sob vixilancia. Pro resistiron.
A casa laboral (rúa de Policarpo Sanz, 22)
Ao regreso da guerra, Fernández del Riego fora depurado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coñecido na capital polo pasado político. Lisca para Vigo co fin de entrar no bufete de Valentín Paz Andrade, sito no Edificio Sanchón. Ao chegar soubo que o seu protector fora represaliado. Mala hora pra refacer a vida. Con todo, nesta situación hostil, Del Riego intégrase no choio. Encárganlle as revistas Industrias Pesqueras e Industria Conservera. Misión que cumpre dende 1940 até 1984. Pra completar o salario impartirá aulas no colexio Mezquita e logo no colexio Labor. Cedo retomaría o pulso xornalístico, incluído o diario Faro de Vigo.
A casa clandestina (Coruxo)
O devir da II Guerrra Mundial alentou os demócratas en Galiza. A reorganización clandestina do Partido Galeguista produciuse na casa que Francisco del Riego alugaba en Coruxo. Era o verán do 43. Malia estar fichado pola policía franquista, incluso tras recibir ameazas de morte, Del Riego non se engurrou. Valente, decidido e firme, dispúxose á causa da liberdade. Por iso, dínamo imparable, entregouse á loita política. O pacto dos Estados Unidos coa España feixista e a detención de dirixentes galeguistas en Madrid esboroou a opción partidista. Porén, anos despois, Francisco del Riego converteríase no Secretario Xeral do Partido Socialista Galego (PSG) en 1963, cargo que logo asumirá Xosé Manuel Beiras.
A casa nutricional (travesía da Aurora, 4)
Entre o abraio e o cachondeo dos presentes, recitaba a Ilíada en grego Urbano Lugrís, pintor e escritor xenial a partes iguais. Ao son das cuncas departía cos camaradas de soños nacionalistas. Un deles era Paco del Riego. A cita na taberna de Eligio González era recorrente. Moitos dos amigos paraban aquí: Cunqueiro, Laxeiro ou Carlos Maside. Cantas lembranzas revivirían e cantos proxectos deseñarían á calor desta baiuca.
A casa arquivística (praza da Princesa, 2)
A Fundación Penzol foi inaufurada cunha conferencia de Manuel Rodrigues Lapa en 1963. É dicir: o ano en que Francisco Fernández del Riego promove o Día das Letras Galegas. Nunha das fotos do acto inaugural aparecen o conferenciante, Cunqueiro, Sebastián Martínez-Risco mais o propio Fernández del Riego. Durante un tempo, esta fundación estivo na rúa de Policarpo Sanz. A sala estaba presidida polo rostro de Del Riego, xaruto en man, no descanso entre o trecolar das teclas da máquina de escribir Underwood. Espazo de investigación pro tamén lugar de reunións clandestinas co seu visto e prace. Que o digan Xosé Luís Méndez Ferrín ou Pepe González. A Fundación Penzol trasladouse á Casa Galega da Cultura en 1985. Velaquí o mellor arquivo privado de todo o país. Un patrimonio que nos reafirma como enclave da cultura galega. Don Paco dirixiu o establecemento dende 1963 até 2009. Todo sen cobrar un patacón. No crepúsculo da súa vida saía do edificio rexo, por si só, coa cabeza erguida á luz. De onde sacaba esa enerxía?
A casa simbólica
O tempo permitiume sentar diante del. Nun caderno, que aínda gardo, anotei o 29 de outubro de 2007: «Á mañá estiven con Francisco Fernández del Riego». Eu rondaba as 20 primaveras e el os 90 carballos. No primeiro encontro trateino de ti e el a min de vostede. O trato de respecto non é garantía de nada, pensei e penso. Ao rematar a conversa, espetoume: «Xa vexo que somos amigos, que me tratas de ti». Certo que me arroibei unha miga. Pro en todos os seguintes encontros el atuoume. Agradezo á vida o encontro con Fernández del Riego e a el darme sitio na súa metafórica casa. Deume docencia a lume manso nesta grande obra que é a liberdade da nosa terra. Esta é a casa común onde súa voz enche de enerxía dende o máis alá. Coma a estrela que no lonxe nos guía.
O sábado 20 organizamos unha ruta para coñecer o Vigo de Francisco Fernández del Riego. Xurxo Martízez guía este percorrido gratuíto que parte ás 11:00 da Porta do Sol. Máis información aquí.