Arizona Baby, cabeza de cartel do festival de cultura sostible The Wild Fest
The Wild Fest celebra a súa segunda edición no Parque Forestal de San Miguel de Oia e repite a fórmula de mesturar música, deporte, proxeccións e mercadiño nun espazo natural de 10.000 metros cadrados. O festival, que tivo que ser adiado de xuño a setembro debido ao coronavirus, presentou esta mañá o seu cartel de concertos, que está encabezado pola banda de rock vallisoletana Arizona Baby.
‘Unha proposta diferente porque engloba música, cinema e aventura e porque o fai baixo o paraugas da ecoloxía e a sostibilidade’. Así definía Juan de Castro, director do Wild Fest , o festival durante a presentación esta mañá do cartel da vindeira edición, que terá lugar os días 5 e 6 de setembro no Parque forestal de San Miguel de Oia.
O cartel é obra da artista gráfica viguesa María Llauger e nel puidemos ler o nome dos grupos musicais que soarán durante a primeira fin de semana de setembro. Na parte superior, os vallisoletanos Arizona Baby, unha banda con máis de 15 anos de traxectoria e 5 álbumes editados de rock acústico con notas folk. Tamén estará en San Miguel a explosiva mestura de punk e garaxe dos Terbutalina, así como outras bandas autóctonas como Escuchando Elefantes e The Broke, que xa estiveron presentes na anterior edición do The Wild. O rock progresivo dos vigueses Ex Hedera tamén terá o seu espazo no escenario do Parque de San Miguel.
A estes grupos debemos sumar os gañadores do concurso de bandas, The battle of bands, que The Wild Fest lanzou hai dous meses co obxectivo de dar a coñecer músicos, bandas e novos talentos de Galicia, así como a actuación de Cé Orquestra Pantasma, dirixida aos pequenos da familia.
Ademais dos eventos musicais, outra das patas importantes do The Wild Fest é a OCR, ou carreira de obstáculos. Un desafío físico de 10 km de percorrido e con ata 35 obstáculos que se celebrará o domingo, día 6, e no que será posible participar en tres modalidades: élite, popular e por equipos de 4 integrantes. As inscricións xa están abertas aquí. Outra das señas distintivas do certame é a programación de curtas e longas con temática medioambiental, unha selección de filmes nos que a natureza e sostentibilidade son os protagonistas.
A organización fixo fincapé nas medidas extraordinarias tomadas para garantir a seguridade dos asistentes, entre as que están a reducción da capacidade máxima, de 8.000 a 800 persoas, tendo en conta que o recinto conta con 10.000 metros cadrados dentro do Parque Forestal de San Miguel de Oia. Así mesmo, o certame viu mermada a súa duración de tres a dous días respecto ao plan inicial e algunhas das actividades previstas tiveron que ser canceladas.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024