CASAACUNHA

Ex Hedera presentan ‘Cosmic BBQ’ este sábado en La Galeríajazz

Ex Hedera é unha das moitas bandas que xurdiron nos últimos anos na nosa cidade cunha proposta máis que interesante. A pesar de que o seu é o rock eléctrico e poderoso, veñen de sacar a finais do ano pasado Cosmic BBQ, un EP acústico gravado en directo no que adaptan a este xénero algúns dos temas do seu álbum debut. Falamos con Adrián Bokas, fundador e vocalista da agrupación, sobre a traxectoria da banda antes do concerto deste sábado 23 en La Galeríajazz.

Os membros de Ex Hedera gravando en directo Cosmic BBQ

A banda nace en 2013 entre Bilbao e Girona. Por que decidides asentaros en Vigo?

Pois asentarnos en Vigo non foi unha decisión en si, simplemente por cuestións da vida, tanto Ricki como eu marchamos da cidade e cando rematamos esa etapa, decidimos volver. A verdade é que foi curioso, xa que despóis de case 4 anos compoñendo a distancia, montando temas pista a pista con dropbox como enlace, coincidiu o noso regreso a Vigo exactamente na mesma semana (risos). Iso foi xenial!

Como foron os inicios da banda?

Os inicios foron ben, cos temas xa compostos e gravados por nós, unha vez nos reencontramos aquí, e só nos quedaba buscar músicos. Rober (baixo) é un amigo de fai moitísimos anos co que compartín banda varias veces, Adri (guitarra) é amigo meu desde o colexio e Mario (batería) apareceu despois e logramos convencelo de que Ex Hedera pagaba a pena. A verdade que estamos moi contentos de ter reunido a este equipazo.

Mencionades como influencias bandas como The Mars Volta, Biffy Clyro ou Arcane Roots. Hai algunha banda galega ou nacional que tamén vos influise?

Sería mentir se negásemos dalgún xeito que as nosas influenzas son extranxeiras, pero está claro que a xente que nos rodea sempre deixa o seu poso. Recordo fai como quice anos, estar en primeira fila vendo a Aphonnic nun Rock n Oia, ou por exemplo a Paranoid nunhas salas do Colexio Salesianos deixando alí os oídos… menudas bandazas.

A nivel nacional, sempre me gustaron uns zaragozanos que se chamaban Criatura. Tocaron unha vez no que antes era o Patatús e máis dun quedamos alucinados coa enerxía que soltaba esa xente. Non sei se seguen tocando, pero había uns tipos que se chamaban “Árboles en llamas” que me flipaban tamén. Mandanga da boa!

Tedes un son bastante particular. Sabedes se hai algunha banda local ou galega que se vos semelle?

É unha boa nova para nos que a xente perciba esa particularidade. Seguro que algunha hai, por exemplo os nosos compañeiros Dreams of Dolly Sheep, coas suas diferenzas claro está, é unha banda coa que temos certas similitudes. Os reaparecidos Voltaica (menudo discazo que sacaron!), tamén poden ter algunha cousiña similar, ou Guerrera tamén. Que tres bandazas saíron así sen querer!

A pesar de estar afincados aquí, fai uns cantos meses que non tocades en directo en Vigo. A que se debeu este parón?

A razón básica é que non queremos “queimar” a zona. Tivemos tres concertos en catro meses en Vigo, e a verdade que nos inicios, a xente que che vai ver son amigos, familiares e algún veciño despistado, e non queriamos aburrilos co mesmo repertorio demasiadas veces. Así que pensamos que antes de volver tocar en Vigo, debiamos saír un pouco da cidade cara outras localidades.

Despois de escoitar o voso primeiro disco, resulta bastante curioso que decidísedes facer un EP revisando as cancións en acústico. Foi tarea sinxela adaptalas a ese novo son?

A verdade que non foi algo que nos levara moitísimo tempo. Ricki está acostumado a facer este tipo de arranxos. Gústalle moito tocar temas doutros grupos coa súa acústica máis unha voz, así que fixemos o mesmo cos nosos temas. Decatámonos desde o inicio que os temas con outro tipo de instrumentos non soaban nada mal, así que decidimos facer a gravación dun concerto acústico que fixemos en Redondela, nunha leira que ten a nosa comunity manager, Andrea. Churrasco e dúas cervexas coa entrada… planazo!

Tamén é interesante a mestura que facedes de castelán e inglés nas vosas letras, dunha forma moi natural.

Iso é algo que lle chama moito a atención á xente. Tan só é un exercicio de coherencia. Ricki, aínda que leva aquí case toda a vida, é de Manchester e eu pois son de aquí, así que decidimos que cada un debía cantar no idioma que máis cómodo lle fora resultar. Supoño que o feito de que ambos esteamos cantando no noso idioma de berce, fai que soe realmente natural.

Como vos sentides máis cómodos, en eléctrico ou en acústico?

Nunca negarei que o acústico e un formato moi doado de escoitar para o público. Soa bonito, e a falta de presión faino agradable para case calquer entorno. Pero Ex Hedera é un grupo de rock alternativo con ADN eléctrico. Cando gozamos ao 100% é cando a loucura se apodera de nós e os sons estridentes toman o papel protagonista.

Como vedes a escena musical local? Tedes algún artista ou banda favorita?

Sinceramente penso que o nivel musical que ten a nosa cidade é digno de admiración. Os grupos xa nomeados como Voltaica ou Aphonnic, súmaselle Loiros, Presumido, Basanta, Cro!, Es un Arbol, etc. e a verdade que non estou a pararme a pensar demasiado. O panorama é abraiante, aínda que sempre direi que a Vigo fáltalle algo importantísimo para que todas estas bandas teñan onde impulsarse: unha sala potente. Paréceme increible que a día de hoxe aínda non contemos cunha sala no centro cun aforo importante, un escenario cómodo e un equipo en condicións no que toda esta xente, que ten un nivel brutal, poida desenrolar os shows dunha forma máis profesional na súa cidade.

Banner A Movidiña

E non so iso, se non tamén unha sala onde se poida traer xente de fora e vivir no noso entorno os seus concertos. Directamente ter en Vigo unha “Capitol”. Todo isto o digo, agradecendo sempre ás salas como a Iguana, Master Club, Fábrica de Chocolate, Radar e un largo etcétera que fan un traballo incrible tupindo as axendas de concertos todos as fins de semana. E non me esquezo da Sala Rebullon nas Pedriñas, que aínda que está en Mos, é como das nosas!

Que plans tedes para este 2019?

Pois remataremos a primavera na Iguana o 8 de xuño e intentaremos que saia algún festival no verán. Non sen antes, pasar por Cambados, Chantada e algún máis. Xa desde fai un tempo estamos compoñendo temas novos, que pasaremos a grabar a finais de novembro para sacar novo disco a principios de 2020 e bueno… estamos preparando un par de sorpresiñas que cremos que vos van gustar!

(GMT+01:00) La Iguana Club

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.