REVISTA NADAL

Aprende e desfruta da maxia da man de Magia en la Manga

Hai máis dun ano e medio ao Casco Vello Alto chegou a maxia de xeito (case) literal. No cruce das rúas da Ferrería e San Sebastián está situado o local de Magia en la Manga, un proxecto conformado por tres mozos apaixonados pola maxia: Óscar Fernández, Sara Rodríguez e Carlos Tomico.

Carlos Tomico, Sara Rodríguez e Óscar Fernández no local de Magia en la Manga | P. Vázquez

Tras coñecérense na Asociación de Magos e Ilusionistas Vigueses (AMIV), os formantes do devandito trío decidiron xuntar forzas para facer dos trucos un modo de vida propio. Puxéronse a vender en feiras os seus propios xogos de maxia, á maneira do clásico Magia Borrás. No momento en que botaban a voar chegou a pandemia, pero conseguiron sorteala coa habilidade digna dun escapista e saír con forza do contratempo.

De feito, saíron reforzados, e en xullo de 2023 abriron o seu propio local no Casco Vello Alto, un barrio que cada vez conta con máis actividade, moita dela de carácter cultural. Deste xeito, constitúen a primeira e única escola de maxia de Galicia e unha das poucas de España, onde ofrecen cursos regulares para grandes e pequenos e obradoiros dunha xornada única e actividades enfocadas ao público familiar.

Local de Magia en la Manga | P. Vázquez

Ademais do apartado formativo, este espazo serve como sala de espectáculos, onde desfrutar das actuacións de grandes ilusionistas a nivel Estatal en dous formatos: maxia de salón, con capacidade para uns 50 espectadores; e maxia de cerca, con obxectos máis pequenos nun ambiente máis íntimo.

Magia en la Manga traballa en colexios de todo o territorio, polo que os centros educativos tamén son benvidos neste local, desde o que se preparan diferentes espectáculos didácticos (sobre matemáticas, igualdade ou en inglés) e obradoiros para aprender a realizar trucos sinxelos e divertidos.

Magia en la Manga | Cedida

1 de febreiro – Una velada con… Iago Saavedra ás 21:00 h | 12,00 €
2 de febreiro – Taller de iniciación á maxia Vol. 2 ás 12:00 h | 10,00 €
15 de febreiro – Tolemaxias co Mago Teto ás 18:00 h | desde 7,50 €
16 de febreiro – Taller de iniciación á maxia Vol. 3 ás 12:00 h | 10,00 €

Esquina rúa da Ferrería, 11, coa rúa de San Sebastián, 3 | magiaenlamanga.com | 659 89 63 70 e 686 30 03 67 |
info@magiaenlamanga.com @magiaenlamanga