Aprende a mirar e a fotografar con Foxspain Fotografía
Nun mundo cada vez máis saturado de imaxes, nunca foi tan importante adestrar o ollar e aprender a mirar dun modo diferente, algo no que incide Andrés Terraza nos seus cursos de Foxspain Fotografía. Tras 14 anos como fotógrafo e 10 exercendo a docencia, este profesional domina multitude de técnicas diferentes, desde o paisaxismo ou o retrato ata a fotografía nocturna ou a edición dixital.
Andrés Terraza dedicábase á ensinanza no eido da informática ata que decidiu mesturar ese gusto pola docencia coa súa outra paixón: a fotografía. Paralelamente creou un grupo de escapadas fotográficas chamado Kdds Vigo, o que lle axudou a descubrir numerosos sitios con encanto de Galicia e Portugal e a tecer unha rede de contactos e amizades no mundo das instantáneas. En 2012 nace Foxspain Fotografía, que conta cun abanico lectivo do máis amplo grazas á variedade de niveis (de iniciación, de perfeccionamento e avanzado) e de horarios. Agora mesmo, por exemplo, hai ata oito cursos dispoñibles segundo a temática e o nivel.
Terraza domina multitude de disciplinas, con especial dominio na fotografía arquitectónica, paisaxe e street photo, malia que procura aprender constantemente novas formas de tomar imaxes. “Centrarse en dúas ou tres disciplinas está ben para especializarse, pero tamén pode frearte”, afirma o docente. Polo tanto, nas súas aulas tamén aprenderemos técnicas para retrato, composición, fotografía nocturna ou edición dixital.
O curso máis completo é o anual, cunha duración de sete meses, pero tamén hai outros intensivos e de dous meses (horario 1 e horario 2). Segundo o profesor, a fotografía supón unha actividade ideal para romper a rutina a maiores da aprendizaxe, pasando un anaco agradable e divertido en grupo. Para el ese é un dos puntos fortes destas actividades: o bo ambiente que se respira ao longo das clases, creando incluso amizades unha vez remata o período lectivo: “O meu labor primordial é que a xente o pase ben sacando fotos. É sorprendente a cantidade de xente riquiña que pasa polos cursos. Moitos dos meus amigos son exalumnos cos que mantiven o contacto ao rematar”, admite o fotógrafo.
Malia que a teoría está presente, as clases son eminentemente prácticas, con numerosas escapadas á rúa e en espazos naturais. “Hai xente que grazas a estes cursos descubre lugares de Vigo que non coñecía, mesmo vivindo aquí toda a vida” comenta como curiosidade Terraza. Todas as semanas se corrixen os exercicios de maneira grupal, feito que axuda a reter aínda mellor os conceptos aprendidos. Por outra banda, as clases teóricas presenciais grávanse para facilitar a consulta desde a casa a través de Internet, unha grande axuda especialmente para o alumnado que vén de fóra de Vigo.
Coworking Vigo. Rúa Oporto, 19 | foxspain.es | 699 25 27 07 | info@foxspain.es | @foxspainfoto
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024