REVISTA OUTUBRO

Sen entrada para Costeira Sonora? Desfruta o Pazo de Toubes alén do festival

A bodega Viña Costeira celebra o sábado 24 de setembro o Festival Costeira Sonora. Música, gastronomía, paisaxe e viño conflúen na xornada que se celebrará no Pazo de Toubes e que ten as entradas esgotadas. Contámosvos máis sobre esta bodega e como desfrutala fóra do festival.

Este sábado celébrase a terceira edición do festival Costeira Sonora, unha xornada na que a música, o viño e a gastronomía son protagonistas e ao mesmo tempo pretexto para gozar do espectacular pazo de Toubes no que se celebra. Unha construcción do século XVIII e único pazo bodega restaurado e en uso na actualidade en Galicia.

Con esta premisa non é de estrañar que as entradas estean esgotadas desde hai semanas e que as persoas en lista de espera superen xa ás que conseguiron entrada. Isto é así porque a organización puxo á venda só 300 billetes para asegurar unha atmosfera cómoda e tranquila, sen colas para conseguir unha bebida ou petisco e sombra suficiente para todos. A idea é manter o ambiente sosegado, mentres se introduce o viño nun ambiente de ocio e música, desprazando, en certo xeito, o consumo que normalmente facemos da cervexa. “Sendo o viño algo tan noso é unha pena que non o desfrutemos máis decotío”, explican desde Viña Costeira.

Aquí, no val dos río Miño e Avia, cultiváronse vides por primeira vez en Galicia e a Denominación de orixe do Ribeiro foi a primeira en ser recoñecida. Tamén nesta zona atopamos o maior número de casas grandes e adegas dedicadas á produción de viño. Unha delas é o Pazo de Toubes, un pazo rodeado de viñedos que xa os seus primeiros propietarios usaban como bodega. Foi adquirido pola cooperativa Viña Costeira hai sete anos coa intención de rehabilitalo e crear un espazo lúdico, con oferta cultural e gastronómica, que mellorase a vida da xente da zona que vive no rural. Tamén conserva algo da súa función primixenia, poi a adega alberga barricas de viño en proceso de avellentamento.

Ademais da súa arquitectura, e do fascinante traballo de rehabilitación, que integra espazos modernos no conxunto histórico, o Pazo de Toubes conta con dous principais atractivos: o seu entorno e o restaurante, do que pode consultarse a carta na súa web e que está aberto de martes a domingo.

Os interesados en coñecer máis do entorno e os viños poden facelo nalgunha das súas visitas guiadas. Hainas para todos os gustos e petos: visitas con brunch, con picnic entre as viñas ou con comida degustación; tamén paseos en bicicleta eléctrica e en barco. Para os que teñan curiosidade en coñecer o proceso de elaboración do viño, Viña Costeira tamén ten visitas regulares á súa fábrica, situada na entrada a Ribadavia e con vistas espectaculares sobre o río Miño. O outono é unha época perfecta para realizar calquera destas visitas, pois as follas das viñas adquiren unha cor dourada que tingue o val.

De volta no evento que se celebra este sábado, os asistentes poderán degustar algúns dos pratos da carta do restaurante en formato bocado, tanto salgados como doces. Tamén haberá un posto con comida vegana e outro de inspiración mexicana e, por suposto, a maridaxe perfecta para cada prato con viños Viña Costeira. En canto ao menú musical estará formado polas actuacións de Los Vinagres, Nat Simons, La La Love You, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Indomable e o DJ Isaac Pedrouzo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.