REVISTA ABRIL

Aprende fotografía a conciencia en Zona 5 EdAF

Cunha experiencia de tres décadas detrás da cámara, o arxentino Tony Vacas decidiu montar en 2013 unha escola de fotografía en Vigo, pois baixo o seu punto de vista non existía un espazo similar na cidade. Este espazo recibe o nome de Zona 5 e é o lugar axeitado para aprender e mellorar as túas habilidades coa cámara, tanto como pasatempo como de maneira profesional.

Hai 20 anos que Tony Vacas, fotógrafo e docente, chegou a España desde Arxentina. Xa daquelas comezou a dar algúns cursos de iniciación e mesmo creou en 2006 a asociación Arte K3, chegando a organizar dúas xornadas de fotografía na illa de San Simón: “Foi marabilloso, unha cousa moi linda”, lembra Tony. A falta dunha oferta similar na cidade, Vacas decide abrir un espazo de formación nesta materia, xa sexa a nivel amateur ou comercial. Nace Zona 5 Escuela de Arte Fotográfico.

A oferta de Zona 5 é ben interesante, pois os seus cursos e ciclos adáptanse tanto ás persoas que queren dedicarse á fotografía de maneira profesional (foto artística, publicitaria, xornalística…) como ás que queren perfeccionar a súa habilidade como hobbie ou de forma expresiva. Para os primeiros, Vacas recomenda o ciclo formativo de Fotografía artística e profesional, cunha duración de dous anos e unhas 1000 horas en total. “Temos un programa propio porque pensamos que os oficiais non son bos”, comenta o docente, que se sinte moi orgulloso da filosofía que mantén a escola.

REVISTA ABRIL

A oferta foi medrando co tempo, polo que se pensamos que dous anos de ciclo son demasiados, temos outras opcións menos extensas. Por exemplo os cursos formativos, que se dividen en catro niveis segundo a experiencia e o dominio do alumnado: básico, medio, avanzado e superior. Cun total de 40 horas poderemos iniciarnos ou mellorar en todos os aspectos fotográficos, tanto técnicos como conceptuais. “Aprender fotografía é aprender a ver” sentencia con acerto Tony, quen insiste que o centro fuxe de calqueira tipo de receita máxica efectista e homoxeneizadora á hora de ensinar esta arte: “Buscamos a formación en profundidade, coñecer a fotografía para poder exercela a conciencia”. Como novidade, este ano inclúen unha nova proposta a medio camiño entre o ciclo e o curso, cunha duración de 200 horas anuais orientada a persoas que xa teñen outro traballo ou que dispoñen de menos tempo.

Por último, para completar a oferta de Zona 5 atopamos os cursos especiais, onde aprender sobre fotografía analóxica, iluminación profesional, retoque con Photoshop, retrato, fotografía na rúa ou mesmo de vídeo. Os dous primeiros, ambos de 70 horas, son os que máis éxito están a ter entre o alumnado, pois como diciamos ao principio non existe moita oferta no eido da ensinanza fotográfica na cidade e na provincia. A matrícula para todos estes cursos xa está aberta con vistas a comezar no mes de setembro ou outubro. Se queres saber máis, visita a súa web para saír de dúbidas.

Zona 5 Escuela de Arte Fotográfico | Rúa Isaac Peral Nº 12- Patio Interior – 4º Local esquerda | https://www.zona5edaf.com/ | 625 834 660 | info@zona5edaf.com | FB: Zona 5 edaf | IG: @zona5edaf

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.