Apadriña un roscón
Poden pasar os anos, pero na Pascua temos unha tradición eterna: o roscón dos padriños. Unha escusa perfecta para meterse en fariña cos pecados doces da época máis santa do ano. Encontrar un roscón artesanal e de calidade non é unha tarefa doada. Pero non pasa nada, porque hoxe tráioche catro opcións de renome e garantía coas que, se non tes afillados, ben poderás apadriñar un roscón.
Confitería Ramos, a institución viguesa do roscón
Os mais antigos da zona din que os primeiros roscóns de Niza na nosa cidade saíron da confeitería Ramos, toda una institución pasteleira, na que a tradición de comprar a rosca de Pascua pasa de xeración en xeración en moitas familias. Os seus adeptos falan destas roscas, tanto na variedade de xema como na tradicional, como as máis perfectas: co acabado da pastelería profesional e co sabor das que fan na casa as avoas.
A Confeitaría Ramos amasa na Rúa Pi y Margall, 18
El Atelier de Diego Caride, artesanía pura desde San Roque
No barrio de San Roque, a dozura ten nome propio nun lugar que acumula unha boa recua de seguidores dos seus bolos de leite con arandos, das súas tortas individuais ou da tremenda variedade de pans especiais amasados cada día. Na Pascua, o recendo a anís e manteiga inza o obradoiro de Diego Caride, que leva mais de dúas décadas vencellado ao mundo da pastelería, facendo da artesanía o seu sinal de identidade. Nos seus roscóns, pasa polas mans do seu equipo do primeiro ao último dos ingredientes. Roscas e trenzas tradicionais copan os mostradores a carón das monas de Pascua, máis modernas e esculturais, convertidas en calquera personaxe de moda. Para levar á casa ou para degustar no propio local, estamos perante un imprescindible para os amantes dos almorzos e das merendas máis doces.
El Atelier de Diego Caride espalla o seu recendo na rúa de San Roque, 101
El Trigal, devotos da Pascua
Non podía faltar nesta listaxe unha das pastelerías que mais arreo está a traballar nos últimos tempos. Se hai algo que define os seus roscóns, alén dunhas laranxas confeitadas que están vicio, é a frescura. E é que, nos días fortes destas datas, o seu equipo enforna sen descansar cada hora ducias de roscas. Con auténtico amor pola Pascua, hai uns anos instauraron unha tradición que transcende as fronteiras da cidade: facer en tamaño real unha mona de Pascua dedicada a un colectivo representativo da cidade. Bombeiros, corredores e dinosauros xa foron tallados polas mans destes escultores en chocolate. Quen será o protagonista deste ano?
El Trigal rende tributo á Pascua na rúa de Alexandre Bóveda 1 e na sede do RC Celta, na rúa do Príncipe, 44
Pastelería Montserrat, con opción vegana
Acabo como empecei, falando dunha institución pasteleira en Vigo. A pastelería Montserrat traballa sen descanso desde 1968. Recentemente fixeron remuda xeracional, pero mantendo esencia artesá do comezo. Eles son a miña opción cando toca escoller un roscón vegano. A chegada de Bea de Labra ao seu equipo incorporou este tipo de pastelería no catálogo de Montserrat. Garántovos que o sabor e mais a textura destas roscas é tan sobresaliente como as que alí mesmo se preparan no formato tradicional.
A pastelería Montserrat sita na rúa do Doutor Cadaval, 37
Queres máis? En mecomovigo.com tes unha listaxe con mais opcións de roscóns que paga a pena apadriñar.
[Esta entrevista pertence á revista A movida de Abril de 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Marta Valcarce (ver todos)
- Desde Rusia con amor - 2 Xullo, 2019
- Apadriña un roscón - 9 Abril, 2019