Andreia Costas: “Utilizo a ciencia ficción para falar de temas actuais sen que me leven á cadea”
Este xoves 10 ás 20:00 Andreia Costas presentará o seu primeiro libro, Corazón de vaca e outras vísceras, na Libraría Cartabón. Unha obra de apenas 140 páxinas que contén numerosos relatos e infinitos universos nos que perderse. O feminismo, o ecoloxismo, a ciencia ficción e un sentido do humor un tanto escuro deambulan de maneira caótica pero ordenada polas follas do volume e pola cabeza da súa autora, coa que aproveitamos para falar.
Este xoves promete ser bastante movido para Andreia Costas. Ás 18:30 recibirá na biblioteca de Escola de Artes e Oficios o galardón como finalista do Certame Literario Exeria e, pouco despois, terá que estar ás 20:00 na Libraría Cartabón para presentar o seu primerio libro. O culpable de tantas présas é Corazón de vaca e outras vísceras (Ed. Urutau), o seu debut literario, curiosamente no eido da narrativa e non da poesía, que era o que viña cultivando ata agora a escritora.“A alma de poeta tereina sempre, faga o que faga”, comenta entre risos.
Estes vaivéns non sorprenden a alguén acostumada ao movemento: filla de emigrantes galegos, naceu na cidadé alemá de Stockach e desde aquelas tocou todo tipo de paus: belas artes, cinema experimental, pinche nun restaurante italiano, azafata de congresos, coidadora de anciáns… Hai case 15 anos que retornou a Galicia, decidindo que o galego cobraría unha importancia capital na súa vida e na súa obra: Anotouse nos cursos de Normalización Lingüística de Silvia Penas e Clara do Roxo para aprender galego, e ao pouco xa estaba obtendo recoñecemento en diferentes concursos polos seus relatos: “Déronme moitos azos para continuar e ver que os meus gromos literarios tiñan un oco. Foi como unha rede para coñecer a moitas artistas, intelectuais e medios de comunicación da cidade”, afirma.
En Corazón de vaca e outras vísceras atopamos moitos relatos e “mini micros”, nos que destacan o seu anticonvencionalismo e o estilo poético: “Algúns son tan curtos e cañeros coma un grolo de café italiano”, resume a creadora. O eco-feminismo impregna as súas páxinas, onde se axuda da ciencia ficción para “analizar un contexto social ou político máis amplo sen que me leven a cadea”. Máis aló da militancia, a autora bríndalle moita importancia á forma, iso si, sen caer no “cursilismo” tan habitual na poesía.
O audiovisual, que noutrora fora tan relevante na súa vida, actualmente ocupa un segundo plano nos seus proxectos. Á diferenza que en Alemaña, aquí non conta cun equipo, técnico e humano, para a creación da súas pezas experimentais. Con todo, está a desenvolver un proxecto multimedia no Instagram (@andreia_costas_100) baixo o hashtag #teño_un_corazón_de_vaca, no que diferentes persoas grávanse lendo textos do seu libro. Máis adiante, Andreia realizará un pequeno epitafio escrito a cada un deses vídeos, a partir do que cambia o relato a través de esa persoa e o que ela imaxine a nivel creativo. Unha forma de unir a todas esas persoas que, como as vacas, teñen un gran corazón.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024