CAMELIAS MASCOTAS

Amor animal

«As dietas veganas non proporcionan a suficiente enerxía», «o veganismo é unha moda» ou «os veganos só comen comida de coellos». Seguro que algunha vez escoitaches frases similares, ou mesmo fuches ti quen as soltou nalgunha sobremesa rodeado de amizades. O certo é que existen numerosos prexuízos e mitos ao redor do veganismo, a maioría deles infundados. Esta actitude vital vai máis aló da alimentación, pois busca evitar causar danos a animais na medida do posible: non só suprimindo o consumo alimenticio directo e indirecto (ovos, lácteos, mel etc.), senón cancelando todo proceso que dalgunha maneira poida mancar un animal. Isto inclúe o téxtil, a cosmética, os medicamentos ou calquera evento no que se exerza un abuso sobre os animais, como zoolóxicos, circos ou acuarios.

O sábado 23 e o venres 24 celébrase no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) Vegana.gal, a primeira feira vegana e sobre sostibilidade que pretende reunir e dar visibilidade a un centenar de marcas expositoras, e inclúe unha programación continua consistente en charlas, showcookings, puntos de información nutricional, obradoiros de educación ambiental, representantes de santuarios e asociacións, e persoal experto en educación ambiental para promover un estilo de vida máis respectuoso cos animais e co medio ambiente. En definitiva, busca romper moldes e eliminar certos tabús instaurados en torno ao veganismo dun xeito amable, asertivo e, abofé, tamén divertido.

Non magoar animais non é a única forma de axudalos. Moitas agrupacións e particulares dedican a vida, o traballo e o tempo libre a facer a existencia destes seres vivos algo máis agradable. «Temos que compaxinar traballo, vida social e familia coa actividade no refuxio e os eventos que facemos para conseguir financiamento», explica Elena Merelles, unha das responsables de Rescue Galicia. Xa leva un lustro colaborando nesta asociación sen ánimo de lucro que con traballo voluntario e doazóns busca rescatar, recuperar e coidar animais domésticos co obxectivo de proporcionarlles unha vida digna e atoparlles unha familia definitiva. Unha das principais características deste refuxio é o labor de acollida a cans potencialmente perigosos, algo do que esta responsable sabe dabondo, pois é compañeira dun bull terrier. O espazo co que conta a asociación para acoller animais é ben pequeno, ao contrario que o esforzo á hora de buscar fogares que reúnan as condicións adecuadas. «Vivimos cousas moi duras con cans que dalgunha forma deixan pegada, pero a satisfacción que dá dalos en adopción é impagable», engade Elena, que porfía na importancia que ten o feito de compartir as publicacións en redes sociais: «Dándolle a un botón podes chegar a xente que pode axudar tanto nas doazóns como nas adopcións», conclúe.

REVISTA NOVEMBRO

Os animais, polo carácter e polo que transmiten, tamén poden ser excelentes educadores. Iso demostra ADA, unha iniciativa viguesa de educación natural onde se traballa para mellorar a vida das persoas a través da natureza, os animais e os intereses propios. Olalla Vergara leva 15 anos traballando en terapia con animais, cando en España estas intervencións eran case descoñecidas. A paixón polos animais e a formación como profesora confluíron neste ambicioso proxecto colaborativo que viu a luz hai unha década: «Cando empezamos ninguén sabía do que estabamos a falar. Tiñamos que explicar que non tiña nada que ver coa maxia, senón que se trataba dunha actividade similar á que se realiza nos gabinetes, pero cun animal como motivador», explica. As catro patas de ADA son a educación natural, a hipoterapia, a formación e mais os proxectos en colaboración con outras asociacións e empresas. Comezaron traballando principalmente con rapaces con trastornos do espectro autista (TEA), mais na actualidade o abano abriuse a outro tipo de enfermidades: alzhéimer, demencia, lesións cerebrais… Paralelamente a este proxecto, Olalla está a iniciar outra asociación baixo o nome de Villa Caótica. «Ademais dos cans, outros animais poden ser de moita axuda a nivel ocupacional para persoas con discapacidade intelectual, especialmente en adolescentes con dificultades a nivel académico», expón. A este labor súmaselle o traballo de rescate que xa viña facendo de antes, non só de cans senón de animais de granxa con menos posibilidades, como cabras ou galiñas. Alí poden recuperarse e agardar por un novo fogar, ou directamente quedar a vivir nesta vila preto de Peinador: «Axudan ás persoas que veñen traballar con eles e viceversa, polo que tratamos que sexa un proxecto circular que se integre coa veciñanza na zona en que vivimos», conta Olalla.

Na liña de ver os animais como algo máis que mascotas está o Santuario Animal Vacaloura, sito en Santiago de Compostela. Alí defenden un lugar libre de maltrato e de explotación, onde as necesidades son cubertas e as diferentes especies poden levar a vida que lles corresponda. Tamén teñen como obxectivo difundir o veganismo e o antiespecismo, isto é, considerar que todos os seres vivos, e non só os humanos, son suxeitos de dereito cuxa vida ten un mesmo valor.

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.