Alium, con gusto e sen glute
Como cada outono Alium estrea carta e ofrece tamén menús especiais para as reunións de Nadal. Unha experiencia culinaria saudable e orixinal coa ventaxe de que podemos sentar todos a mesa xuntos, porque os seus pratos son sen glute e ofrecen moitas opcións veganas.
Converteuse nun dos lugares favoritos para aqueles que buscan unha experiencia culinaria diferente e saudable onde prime a orixinalidade de presentacións e sabores. Recoñecido polo seu compromiso coa cociña sen glute e tamén é moi popular entre a clientela que busca pratos de corte vegano. Alium mantén unha filosofía clara desde o inicio: poder sentar á mesma mesa persoas con diferentes gustos, dietas e ideas para poder gozar por igual. Un dos aspectos que distinguen este restaurante é o compromiso coa cociña de temporada, adaptando a oferta á dispoñibilidade de produtos frescos e locais. Cada ano, coa chegada do outono, Paola e Raúl presentan unha nova carta que incorpora ingredientes propios da época e que, segundo os seus creadores, busca satisfacer a necesidade de pratos máis quentes, reconfortantes e calóricos. Hai moitos pratos que nunca cambian por imperativo da clientela habitual, pois é un dos poucos lugares da nosa xeografía onde se poden degustar pratos como luras á romana. Outro dos pratos máis populares son os de pasta. Para esta temporada contan cunha fideuá de peixe sapo e polbo con salsa Romesco.
Este ano incorpórase unha novidade na cociña: un forno profesional a carbón, do que se obteñen carnes, peixes e verduras cuns toques afumados moi especiais. A estrela dos pratos que emerxen deste forno é o entrecosto de tenreira á brasa, que se serve con patacas e pementos fritidos. Un dos pratos máis sinxelos e tradicionais do menú. Outra das novas creacións son as cenorias á grella con salsa de tofu, coco e anacardio. Tamén o bacallau, que se presenta acompañado de lagostinos sobre unha crema de berenxena e peras asadas, unha opción moi suave e orixinal. Estes últimos pratos exemplifican a procura de orixinalidade e innovación que caracterizan a cociña de Alium. Os arroces ocupan un lugar importante na proposta do outono; como o que se prepara con lagostinos, cacahuete e un curry verde caseiro, que ofrece unha fragrante viaxe á gastronomía tailandesa e adoita ser, por unanimidade, un dos pratos favoritos. Tamén destaca o risoto de cogomelos e castañas coroado con faceira de porco ibérico ao viño, un prato contundente con sabores intensos no que a carne se esmiúza facilmente integrándose na textura do arroz.
Coa chegada do Nadal, Alium prepara unha oferta especial para grupos a partir de catro persoas. Ofrécense tres menús, que se poden reservar a prezos moi competitivos: 30, 35 e 40 euros. O máis económico está deseñado totalmente para compartir, namentres que os outros dous inclúen un prato principal por comensal. Algúns dos pratos que atopamos nestes menús son os boliños de iuca e cogomelos, os tacos de tenreira grellada, a berenxena con miso e queixo vexetal e o salmón con codia de améndoa e alfábega. Ademais pódense pedir dúas bebidas e rematar a comida cunha sobremesa caseira e un café. O restaurante tamén abre en Noitevella, ofrecendo a posibilidade de despedir o 2024 cunha cea moi especial. O menú proposto consta de cinco entrantes, dous principais (rodaballo e solombo de tenreira) e un brownie con praliné e laranxa. Como colofón para a cea, ofrécese unha copa de cava, cotillón e uvas para entrar con bo pé no 2025.
Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024