Suar por gusto

Rematado o verán, toca pasar páxina e aceptar a nova rutina. O esvaecemento progresivo do bo tempo e das horas de luz solar pode xerar certa maior preguiza no tocante ás actividades deportivas, pero isto non deixa de ser unha escusa coma calquera outra. A oferta de deporte ao cuberto é tan ampla, tan variada, e tan compatible cos deportes externos, que o difícil é non atopar unha actividade que se adapte ao noso estilo de vida. Cada vez máis centros deportivos, sexan da índole que for, apostan por un trato personalizado que consegue que acabemos por suar ben a gusto.

Centro de entrenamiento persoal DGO

Ao tempo en que proliferaban as grandes cadeas de ximnasios de baixo custo, con decenas de máquinas amoreadas, en 2015, David García Oterino decidiu abrir o seu propio centrod e adestramento persoal. Había veciños da zona da Travesía que non o entendían: «Toleaches? Non vai funcionar!». Pero David optou por un sistema practicamente pioneiro na cidade, baseado na personalización dos exercicios, «coma nos ximnasios de barrio». A pedra angular do centro é o adestramento específico, que busca fomentar o hábito no cliente. Esta actividade compleméntase cos servizos de osteopatía, nutrición e coaching. Tamén conta cunha vertente en Internet, con exercicios diarios moi breves para as persoas que, por cuestións horarias ou xeográficas, non se poidan achegar ao centro. O día 20 deste mes ofrece unha semana de proba gratuíta desta metodoloxía, fácil de aplicar no día a día e con resultados visibles ás poucas semanas.

Rúa da Travesía de Vigo, 198
davidgarciaoterino.com
630 66 77 33
hola@davidgarciaoterino.com
@centrodgo

Edam Center

As siglas veñen de «escola de artes marciais», pois aquí poderemos practicar as disciplinas como jiu-jitsu brasileiro ou wushu. De empezar con tres alumnos, pasou ter centros en Asturias, Madrid e mesmo en Alemaña ou México. Máis de 60 alumnos en Vigo e máis de 15 anos de experiencia no mundo das artes marciais avalan a Grial Herrera, que abriu o centro en 2014. Mediante unhas clases cargadas de camaradería, pretende achegar a disciplina da coñecida familia brasileira Gracie. Paralelamente, neste centro ofértanse sesións grupais e individuais de CrossFit, na opinión de Gial, «un complemento perfecto para o mundo das artes marciais». Neste aspecto, o mestre prefire reducir a intensidade do traballo e adaptalo ás necesidades de cadaquén: mellorar fisicamente, perder peso, gañar musculatura, evitar lesións… En definitiva, mellorar o rendemento no día a día.

Rúa de López Mora, 60
edamcenter.com
986 17 91 98
edam2016.cross@gmail.com
@edamcenter_bjj

Mg¹² Rocódromo

No Polígono Industrial do Rebullón, no concello de Mos, atopamos un dos poucos rocódromos da comarca. A ausencia deste tipo de espazos e a alta demanda dunha rexión con tradición na escalada foi o que levou á médica Laura Gómez e mais ao arquitecto Alfredo Lago a abrir un centro específico o ano pasado. O 2021 foi complicado por mor da pandemia, pero non deu botado abaixo o proxecto. Este boulde acolle todo tipo de escaladores nos sete niveis de dificultade que dispón: amadores e profesionais, nenos e maiores… Existe a opción de se asociar para desfrutar de todas as vantaxes desta nave (con tarifa mensual, semestral ou anual), unha das que máis metros de escalada ofrecen en Galicia, cun total de 250 metros cadrados. Tamén se pode acceder cun bono para varias sesións ou con entrada individual. A maiores, aquí realízanse bautismos de escalada, clases personalizadas, competicións, cursos, formacións, proxeccións de documentais… e hai pouco estreouse unha zona de adestramento dirixida para os escaladores máis avanzados. Un proxecto de altura.

Polígono Industrial do Rebullón, 72 (Mos)
mg12.es
600 36 98 66
mg12.vigo@gmail.com
@mg12.escalada

Muga Dojang

Na infancia non é estraño practicar taekwondo como actividade extraescolar, pero non son tantos os que continúan desde a infancia ata a vida adulta. Alberto Neira foi dos que proseguiu o «camiño do pé e o puño» ao longo dos anos. Un dos motivadores desta paixón foi o seu mestre, Miguel Meilán, un dos responsables do alto nivel que Galicia acadou nesta disciplina surcoreana. Ademais, Alberto tamén se formoou noutras artes marciais, que ofrece no centro que rexenta desde 2020: Haidong Gumdo e Hapkido Jin Jung Kwan. A primeira consiste no manexo da espada coreana, con moito traballo coreografiado e de precisión; namentres que a segunda é unha arte marcial orientada á defensa persoal, que se basea en movementos rápidos e contundentes. A última incorporación do centro é o ioga Kundalini, unha disciplina máis tranquila e emocional que as anteriores, que pretende acadar un equilibrio entre os traballos físico e mental. Segundo o instrutor, as artes marciais aportan educación, respecto e o valor do sacrificio, moi útil para marcar e acadar metas a diario.

Avenida de Balaídos, 39
722 41 09 80
mugadojang@gmail.com
@mugadojang

Mussa pilates

Xa hai uns anos que o método Pilates chegou ás nosas vidas para quedar. Decenas de ximnasios e de profesionais engadiron estes exercicios á oferta, moitas veces sen ter en conta que o auténtico método, ideado por Joseph Hubertus Pilates, non se limita a unha coreografía básica e unhas máquinas. Iso sábeno ben na sede galega da Escola Española de Auténtico Pilates (EEDAP), que segue os preceptos orixinais do mestre alemán. Este centro botou a andar hai 15 anos con grupos reducidos, pero foi hai uns poucos anos cando se decidiu a apostar polo tratamento individualizado de cada cliente, grazas a un cadro de persoal cualificado de case 20 persoas e unha apertura de 14 horas diarias. Grazas á extensa formación e a un uso pormenorizado do Reformer, un aparello que funciona como un escáner para o corpo, aquí son quen de adaptar os exercicios aos problemas e particularidades de cada individuo, sexan deportistas de elite ou persoas con patoloxías crónicas. Un lugar auténtico.

Rúa de Carral, 16
mussapilatescenter.com
986 13 20 71
info@mussapilatescenter.com
@mussapilatesvigo

REVISTA VERAN
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.