CAMELIAS MASCOTAS

Alerta vermella nas salas: El Contrabajo pecha permanentemente

Non por previsible a situación é menos dramática. Como a gran maioría do sector vén denunciando desde hai meses, a cultura está en crise e os seus efectos non deixan de medrar. Onte mesmo a mítica sala El Contrabajo Club, a través do seu rexente desde xuño Pablo Lorenzo, anunciou que pechaba as súas portas de maneira indefinida.

A mediados de agosto a Xunta de Galicia obrigaba ás “discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores” a pechar as súas portas. Iso si, sen propoñer ningunha solución ou remedio a este mal que afectaría a centos de profesionais de diferentes eidos. Por moito que o sector cultural mostrou o seu desacordo coa medida, a situación seguiu igual. Na nosa revista deste mes, que podes consultar aquí, falamos con Marcos Vázquez e Pablo Iglesias, socio de La Fábrica de Chocolate e rexente de Radar Estudios e Mondo Club, respectivamente, sobre esta problemática tan grave.

REVISTA NOVEMBRO

A primeira sala en caer na nosa cidade é El Contrabajo Club, pero de non cambiar o panorama, esta triste nova convertirase en costume. Nunha longa publicación en Facebook, o rexente da sala desde o pasado mes de xuño, Pablo Lorenzo, anunciou que o local “pechará permanentemente a finais de outubro, despois de gravar os catro concertos do ciclo Xacobeo 21″. Laméntase tamén da falta de apoios por parte das institucións, algo que se vén repetindo desde hai tempo sen que pareza xurdir ningún efecto.

Máis aló de non ser sostible a nivel económico, Pablo tamén se sente mentalmente esgotado pola incertidume e pola ansiedade. Sen axudas públicas e sen poder abrir o seu negocio por decreto, o futuro non semellaba moi brillante, mesmo para alguén tan optimista, que prefire quedarse con todas as cousas positivas que lle trouxo esta experiencia: “foron uns meses apaixonantes, inspiradores e moi divertidos”.

Pablo non quixo marchar sen agradecer ao persoal da sala, a toda a xente que lle botou unha man, aos músicos que subiron ao escenario, ao público que se achegou ao local e ao anterior dono de El Contrabajo, Rafa Chao. Tamén deixa a porta aberta a seguir traballando en algo relacionado coa música nun futuro, algo que esperamos sexa o máis pronto posible.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.