Su Garrido, Wöyza e El Contrabajo, galardoados nos Premios Martín Códax

A sexta cerimonia de entrega dos Premios Martín Códax da Música demostrou con máis forza ca nunca que é a gran cita anual da música galega; o momento agardado para celebrar a cantidade, calidade e diversidade da nosa produción musical, pero tamén para lembrar as reivindicacións do sector. Carlos Barruso recolleu o Premio Honorífico nunha emocionante gala que será emitida este sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2, e o domingo a media noite na TVG1.

Foto final da Gala con todos os premiados | Pixelin

Onte en Pontevedra entregáronse os Premios Martín Códax da Música nun Pazo da Cultura con máis de 700 asistentes, que viviron unha gala emocionante e orixinal dirixida por Quico Cadaval, presentada por María Lado e Lucía Aldao e con música en directo do septeto de jazz encabezado por Pablo Castaño.

O espectáculo estaba artellado cun obxectivo claro: amosar a diversidade da música galega e o seu carácter permeable e viaxeiro. Baixo unha peza da artista Ana Seoane presidindo a escena e representando o noso mestizo ADN musical, o enxeño de Cadaval debuxou unha viaxe pola historia da música galega con paradas inesperadas, momentos delirantes e historias nunca antes contadas, que revelaron as verdadeiras orixes da nosa música, filla de múltiples mestizaxes.

De entre todos os nominados locais, tres foron os que finalmente se alzaron con galardon: Su Garrido Pombo na categroía de Canción de Autora, Wöyza na de Músicas Urbanas e El Contrabajo como mellor sala galega, un merecido recoñecemento ao seu dono Rafa Chao, que deixa o local despois de 6 anos repletos de música en directo.

A gala foi retransmitida en directo vía streaming a través da web dos premios e da web da CRTVG e en diferido o sábado 11 de maio ás 22:45 na TVG2 e o domingo 12 de maio na TVG despois de media noite.

A continuación o listado de proxectos premiados por categorías:

POP/INDIE Igloo

ROCK Bala

METAL Nao

JAZZ/MÚSICAS IMPROVISADAS Xosé Miguélez – ONTOLOGY

MÚSICAS URBANAS Wöyza

CLÁSICA/CONTEMPORÁNEA Adrián Saavedra

MÚSICA TRADICIONAL E FOLQUE Tanxugueiras

MÚSICAS DO MUNDO Marcos Teira – NÓS

MÚSICA INFANTIL Xoán Curiel e A Banda do Verán – A CASA DO TERROR

MÚSICA ELECTRÓNICA Baiuca

REGGAE/SKA/MESTIZAXE Banda Crebinsky

ORQUESTRAS/GRUPOS/MÚSICA DE VERBENA Orquestra Los Satélites

BLUES/FUNK/SOUL Carmen Rey

CANCIÓN DE AUTOR/A Su Garrido Pombo

COROS E GRUPOS VOCAIS Ejazz

ORGANISTRUM FESTIVAIS Festival de Pardiñas

ORGANISTRUM SALAS El Contrabajo Club

ORGANISTRUM ESPAZOS DE COMUNICACIÓN MUSICAL Diario Cultural

PREMIO HONORÍFICO MÚSICAS AO VIVO 2019 Carlos Barruso

Compartir
X