CAMELIAS MASCOTAS

Alba de cor

Se no abrente destes días enchemos a bolsa da praia coa toalla, a crema solar e a botella de auga, tampouco deberían faltar nela as lentes de sol. Protexer a vista da radiación ultravioleta sen renunciar á moda é posible cos cos modelos orixinais da marca The Graphics Project.

Despois de varios anos traballando no sector, Alba Antepazo, diplomada en Óptica e Optometría, sentiu a necesidade de emprender. En 2017 decidiu dedicarse ao deseño destes coloridos anteollos. Para isto, formou equipo canda a súa parella, David Correa, co fotógrafo Fran Cortizo e mais cun grupo de axentes comerciais. Con toda esta axuda creou unha liña de lentes de sol, graduadas ou non, que conformaron o proxecto de Graphics cunha filosofía clara: a cor nunca está de máis. Para a marca selecciónanse materiais de primeira calidade, Alba encárgase do deseño, da forma e da cor das monturas; superpoñendo tons, optando polas gamas máis intensas e xogando cos degradados nos cristais. Ademais, a boa relación de calidade e prezo logra que o exclusivo non sexa sinónimo de excluínte.

Para probar os modelos de Graphics durante estes meses de praias, furanchos e festivais, propoñemos achegarse a algún dos puntos de venda que a marca ten en Vigo: Óptica Lunic (Ronda de Don Bosco, 31), Optilens (Hispanidade, 112), Centro Óptico Amaro Quireza (Velázquez Moreno, 47), Federópticos Bernárdez (Elduayen, 22) e Vaidhé (Carral, 7). Tamén se pode visitar a web thegraphicsproject.com e escoller entre os múltiples modelos. Lentes de sol para xente con actitude nun verán que ten boa cor.

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)