CAMELIAS MASCOTAS

Afundación apúntase ao 8M co ciclo de cine ‘Mulleres’

O mes de marzo virá cargado de cinema e feminismo grazas ao ciclo Mulleres, organizado por Afundación na sala de conferencias da súa sede. Alí proxectaranse de maneira gratuíta ata completar capacidade e dobradas ao castelán A boa esposa, Unha cuestión de xénero, Toni Erdmann e A favorita, cada luns de marzo ás 19:30. As entradas poderán reservarse en Ataquilla.com desde cinco días antes da proxección ou na billeteira da Sede Afundación desde o día anterior. Trátase dun ciclo transversal que ten como eixo vertebrador o empoderamento das mulleres, conformado por películas nas que a traves das protagonistas trátanse temas como a reivindicación de dereitos, a soidade ou o traballo digno.

Fotograma do filme Unha cuestión de xénero, de Mimi Leder

A BOA ESPOSA – Luns 2 de marzo

A boa esposa (Björn Ruge, 2017). Protagonizada por Glenn Close e Jonathan Pryce, conta a historia de Joan Castleman, unha boa esposa, de beleza madura e natural, a muller perfecta. Con todo, Joan leva corenta anos sacrificando os seus soños e ambicións por manter viva a chama do matrimonio co seu marido, Joe Castleman. Joan chega ao seu límite, e en vésperas da entrega do Premio Nobel de Literatura a Joe decide desvelar o seu segredo mellor gardado. A actriz Glenn Close foi recoñecida con numerosas nominacións en diferentes premios pola súa gran labor neste filme.

UNHA CUESTIÓN DE XÉNERO – Luns 9 de marzo

Unha cuestión de xénero (Mimi Leder, 2018) é un biopic sobre a xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller na historia que serviu neste alto órgano xudicial. Ginsburg foi nomeada para o alto tribunal en 1993 polo presidente Bill Clinton e cambiou o curso da historia cun singular caso sobre discriminación de xénero que abriu o camiño para a igualdade nos Tribunais. A súa directora Mimi Leder conta cun extenso currículo en televisión, participando en series como ER: Urgencias, Shamless ou The Leftovers.

TONI ERDMANN – Luns 16 de marzo

REVISTA NOVEMBRO

Toni Erdmann (Maren Ade, 2016). Inés traballa nunha importante consultora alemá establecida en Bucarest. A súa estresante vida está perfectamente organizada ata que o seu extrovertido e bromista pai Winfried chega de improviso e pregúntalle, «es feliz?» Tras a súa incapacidade para responder, sofre un profundo cambio. Ese pai que ás veces estorba e a avergoña vai axudar a dar novamente sentido á súa vida grazas a un personaxe imaxinario: o divertido Toni Erdman. Entre os seus recoñecementos destacan o Premio FRIPESCI en Cannes, cinco Premios do Cine Europeo e nominacións á mellor película de fala non inglesa nos Oscar, BAFTA e Goya.

A FAVORITA – Luns 23 de marzo

A favorita (Yorgos Lanthimos, 2018) é unha película ambientada a comezos do século XVIII, cando Inglaterra se atopaba en guerra contra Francia. Unha raíña debilitada, Anne (Olivia Colman) ocupa o trono, mentres que a súa amiga Lady Sarah (Rachel Weisz) é quen realmente goberna o país no seu lugar debido ao precario estado de saúde e ao carácter inestable da monarca. Cando a nova serventa Abigail (Emma Stone) aparece en palacio, o seu encanto seduce a Sarah, quen a axuda. Como a política ocupa a meirande parte do tempo de Sarah, Abigail comeza a acompañar con máis frecuencia á raíña. Polo de agora, último filme do prestixioso director grego, co que a actriz Olivia Colman gañou o seu primeiro Oscar. Conta ademais con recoñecementos no Festival de Venecia, nos BAFTA ou nos Premios do Cine Europeo, entre outros moitos.

(GMT+01:00)

(GMT+01:00)

(GMT+01:00)

(GMT+01:00)