REVISTA ABRIL

Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis impartirán cursos para ensinar a mulleres a montar en bicicleta

O obxectivo desta iniciativa levada a cabo por Greenpeace e Mulleres Bicivisíbeis é aumentar o número de mulleres ciclistas en Vigo e a masa crítica que reclame máis infraestrutura ciclista en detrimento do vehículo particular. Os cursos están dirixidos a mulleres maiores de 16 anos que non saiban andar en bici e terán unha duración de dúas fins de semana consecutivas no parque de Castrelos.

En relación aos homes, as mulleres usan máis o transporte público pero menos a bicicleta, en moitos casos porque non tiveron a oportunidade de aprender ou se senten inseguras ao circular pola cidade. Por este motivo, Greenpeace e o colectivo ecofeminista Mulleres Bicivisíbeis veñen de lanzar un proxecto en Vigo para contribuír a aumentar o número de mulleres ciclistas na cidade e deste xeito impulsar o transporte sostíbel non motorizado en detrimento dos vehículos particulares. Varias mulleres capacitáronse como instrutoras coa asociación A Golpe de Pedal, para impartir cursos, dirixidos a mulleres, para aprender a montar en bicicleta. Nunha segunda etapa do proxecto darán conta de saídas de acompañamento pola cidade que permitan ás novas usuarias da bicicleta manexarse con seguridade e superar posibles medos.

REVISTA ABRIL

Os cursos están dirixidos a mulleres maiores de 16 anos que non saiban andar en bicicleta e terán unha duración de dúas fins de semana consecutivas (venres e domingos), en sesións de 2 horas cada unha no Parque de Castrelos. O primeiro destes cursos, para o que as aspirantes xa se poden apuntar nun formulario, realizarase os días 21, 23, 28 e 30 de maio. Nel todas as participantes contarán cun seguro de actividade.

Acadar unha mobilidade sostible está aínda moi lonxe de ser unha realidade en Vigo, unha das cidades de España con maior uso do vehículo privado. Das aproximadamente 750.000 viaxes diarias que se realizan no municipio, case o 70% son motorizadas, cifra que ascende ao 80% cando consideramos as viaxes exteriores. De feito, a urbe olívica aínda está nas primeiras etapas para instaurar a bicicleta como un medio de transporte urbano. Inaugurouse boa parte do primeiro carril bici que cruzará a cidade desde Teis a Samil e estase a construír outro por parte da Autoridade Portuaria en Beiramar, pero a cidade dista moito aínda de contar cunha infraestrutura ciclista ampla e conectada que faga da bicicleta unha alternativa real de transporte.

As organizacións tras esta iniciativa  traballan co colectivo Vigo Ciclábel reclamando medidas como un plan director ciclista, unha oficina da bicicleta, pacificación do tráfico, unha rede de alugueiro de bicis e en xeral a construción de novos carrís bici, creación de espazos públicos seguros para aparcar as bicicletas e a aposta pola intermodalidade do transporte público (bus e barco) que inclúa a bici.