REVISTA ABRIL

Afundación trae este outono o ciclo de cine gratuíto ‘Voces rotas’

Verano 1993, Ida, Mustang e Yo, Daniel Blake son os filmes escollidos para formar parte do cartel ‘Voces Rotas’ que se inicia en Vigo o 30 de outubro e que ten por obxectivo abordar certos problemas sociais.

Afundación presenta o ciclo de cinema Voces rotas cunha programación formada por películas que profundan e dan visibilidade a diferentes problemáticas, como o racismo, as guerras ou o paro, e temas que afectan á sociedade na actualidade, como a inmigración, a relixión ou a adopción. A entrada a todas as sesións deste ciclo é libre e gratuíta ata completar a capacidade do aforo da Sede Afundación en Vigo.

Calendario de proxeccións:
Ida – 30 de outubro, ás 19.00 horas
Ida (2013), de Pawel Pawlikowski, ambientada en Polonia nos anos 60. Anna, unha rapaza orfa a punto facerse monxa, descobre un familiar, unha tía, que lle desvela a súa verdadeira identidade: o seu nome real é Ida Lebenstein, é xudía e a súa familia foi asasinada polo réxime nazi.

REVISTA ABRIL

Yo, Daniel Blake – 7 de novembro, ás 19.00 horas
Yo, Daniel Blake (2016), de Ken Loach, relata a historia de Daniel Blake, un carpinteiro inglés con problemas cardíacos que por primeira vez na súa vida vese na obriga de deixar de traballar. Pero a administración sanciónao se non busca un emprego. Durante a súa procura coñece a Katie, unha muller solteira con dous fillos. Xuntos tentarán axudarse mutuamente.

Mustang – 13 de novembro, ás 19.00 horas
Mustang (2015), a primeira longametraxe de Deniz Gamze Ergüven. Tras un inocente xogo na praia xunto aos seus compañeiros de clase ao comezo do verán, a vida de cinco irmás orfas dunha pequena vila turca cambia radicalmente. A avoa e o tío deciden tomar medidas para garantir a virxindade das mozas e empuxalas ao matrimonio.

Verano 1993 – 20 de novembro, ás 19.00 horas
Verano 1993 (2017), a primeira longametraxe de Carla Simón, conta a historia de Frida, unha nena de seis anos dada en adopción tras a morte da súa nai a causa da sida. Afronta o primeiro verán da súa vida coa súa familia adoptiva, apartada de todo aquilo que coñecía. Nunha nova contorna rural debe adaptarse á súa nova vida e ás novas persoas que a acompañan.