Actividades para non esquecer os incendios do ano pasado
A asociación Montes de Vigo organiza numerosas actividades este outubro e novembro co motivo do primeiro aniversario dos fatais incendios que asolaron o sur de Galicia o ano pasado. As comunidades máis involucradas serán as de Coruxo, Zamáns, Matamá, Valadares e Comesaña.
Montes de Vigo, a mancomunidade de montes veciñais de Vigo, presenta a programación de actos que se van desenvolver entre os meses de outubro e novembro co gallo do primeiro ano despois da vaga de lumes que asolou un terzo da superficie forestal de Vigo.
A primeira actividade terá lugar o mércores 6 ás 20:00 no Club Faro de Vigo, que volve tras un verán ausente. Nesta conferencia, o Director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, falará sobre Que aprendemos nos incendios de outubro de 2017? Consecuencias, motivos, previsións, diferenzas con outros anos e leccións do ocorrido serán algúns dos puntos a tratar.
O sábado 6 de outubro, durante todo o día diante do MARCO terá lugar a Xornada artística de pintura e escultura en madeira Arte en vivo, arte no queimado, a cargo de escultores e pintores de Galicia e do norte de Portugal. Poderase comprobar en directo como distintos artistas perciben o impacto da vaga de lumes vividas a ambos lados do Miño.
O domingo 14 de outubro terá lugar a V Trail Montes de Vigo e, como novidade deste ano, a I Andaina pola rexeneración dos Montes de Vigo. As inscricións xa están abertas. Todo o diñeiro recadado nesta acción dedicarase aos actos de rexeneración dos montes queimados e á creación dun anel verde ao longo da franxa de monte periurbano que abraza a cidade. Este proxecto, aínda en desenvolvemento, pretende crear un anel duns 50 km de lonxitude e 100 metros de ancho arredor dos montes de Vigo, que servirá á vez de paseo forestal e de cortalumes.
O domingo 21 (cambio de data), ás 20:00, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o I Festival Solidario pola rexeneración dos montes de Vigo,onde a música correrá a cargo dos grupos musicais das parroquias afectadas: Banda de Gaitas Xarabal, B.U.M. de Valladares, Cordas Novas C.R.A de Coruxo e Os Ventos de Comesaña.
Por último, e para rematar este ciclo sobre a concienciación e o coidado dos montes, en novembro haberá unhas xornadas técnicas para abordar o tema Redeseñando os montes periurbanos, que terán lugar no Centro Cultural de Valladares o día 10 e unhas conferencias divulgativas na V edición Froitos do noso monte, a celebrar na Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Nautilius o día 15.
Ao longo do outono e do inverno haberá unha serie de xornadas para prantar árbores nas zonas queimadas. A primeira destas citas será o 19 de outubro nos montes da Sobreira e dos Pozos, con visitas de alumnos de diferentes centros escolares. Ademais do coidado dos bosques, dende o Concello insisten no cambio da lexislación que obrigue aos propietarios dos montes privados a mantelos coidados.