VIALIA
KIKIMORENTE

ACT Galicia, a canteira de intérpretes do noso audiovisual

ACT Galicia, no seu amplo local da rúa Barcelona, leva sete anos formando aos futuros actores e actrices das nosas series e películas favoritas. De feito, isto xa é unha realidade, pois podemos ver a exalumnas da escola protagonizando series de Netflix.

Ensaio filmado durante unha das clases da diplomatura | P. Vázquez

Hai sete anos que abriu as súas portas en Vigo ACT Galicia, a única escola de interpretación da cidade orientada ao audiovisual. No seu amplo local da rúa Barcelona acollen cursos e obradoiros para grandes, pequenos e profesionais do sector, coa Diplomatura Anual de Formación en Interpretación e Casting en Cine e TV como a xoia da coroa. Esta formación anual de oito horas semanais recoméndase para quen xa teña estudos de interpretación e queira afondar no mundo audiovisual, pero tamén para quen se queira iniciar ante a cámara.

O profesor Diego Aballe comentando os exercicios do alumnado | P. Vázquez

Na actualidade contan con máis de oitenta estudantes regulares divididos en oito grupos. A diferenza doutros lugares de formación, aquí todo o profesorado compaxina o labor docente co traballo no sector audiovisual. Isto fai que o alumnado estea en contacto con guionistas e profesionais da dirección, da dirección de casting e da produción, e que mesmo poida chegar a participar nalgunha das súas obras. Este foi o caso de Aïcha Villaverde, exalumna da diplomatura e, agora, protagonista da serie de Netflix Ni una más.

Dos alumnos durante un ensaio | P. Vázquez

Isto cóntanolo, cheo de orgullo, David Alonso, o responsable da escola e mestre de expresión corporal, ademais de actor. O de Aïcha non é o único caso: Uxía Macías coprotagonizou a curta Corre, Adela xunto con Fernando Tejero, e tamén saíu do centro parte do elenco da webserie Picariños, da Televisión de Galicia, e da película As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns. A propia Anxos é unha das profesoras recorrentes de ACT, ao igual ca o curtametraxista Diego Aballe, quen acaba de rematar a curta Monstera, coproducida pola escola e na que tamén participaron algunhas alumnas. Outros profesionais que dan clases ou realizan obradoiros puntuais son Álvaro Gago, Carlos Sedes, Conchi Iglesias, Blanca Javaloy, Jazmín Abuín, Melania Cruz ou Juana Martínez. «Gústanos ver a escola como unha casa de produción audiovisual e teatral», resume Alonso, quen tamén empregou o talento dos seus pupilos na obra teatral Non é unha canción.

David Alonso e Diego Aballe, no exterior do local | P. Vázquez

Ao estar enfocada ao audiovisual, a maioría dos ensaios e prácticas fílmanse con cámaras profesionais. Deste xeito, habitúan o alumnado a perderlle o medo a eses «electrodomésticos», en palabras de David, que tanto impoñen as primeiras veces. Por outra banda, o estudantado dispón de vídeos en boa calidade do seu traballo para analizar posibles erros, valorar a progresión co paso do tempo ou mesmo enviar a futuras probas de selección. O ano pasado fixeron por primeira vez un festival de fin de curso, para o que alugaron unha sala dos Multicines Norte, onde proxectaron as curtas que foran elaborando ao longo dos meses; unha experiencia en pantalla grande que encheu de folgos os futuros actores e actrices. A de Vigo é unha das dúas sedes de ACT. A outra, en Madrid, conta xa cunha dilatada traxectoria, e o seu fundador, o actor Manu Hernández, creou hai pouco xunto coa directora de casting Marga Rodríguez a axencia El Faro Representación. Seguro que terán moi en conta o talento da sede viguesa á hora de elaborar a súa carteira de intérpretes.

Dúas alumnas durante unha práctica, con David Alonso filmando ao fondo | P. Vázquez

Rúa de Barcelona, 22, local interior | 695 95 94 55 | amvigo@actoresmadrid.com | @act.galicia | actgalicia.com

REVISTA MARZO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.