CAMELIAS MASCOTAS

Abi Castillo deseña o cartel do V Festival de Cine Inclusivo de Vigo dedicado aos sanitarios

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que se celebrará do 13 ao 17 de outubro, homenaxea nesta edición aos profesionais da saúde e dos servizos sociais e a artista viguesa Abi Castillo foi a encargada de deseñar o cartel.

REVISTA NOVEMBRO

Abi Castillo, artista local que moitos coñecederes polos seus grandes murais nalgunhas paredes da nosa cidade ou por ter sido escollida por Zara para a súa colección ‘Women in art’, foi a encargada de deseñar o cartel da quinta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo. Unha iniciativa que agardan repetir desde o festival en vindeiras edicións, escollendo a un artista vigués para o deseño dos seus carteis; “unha maneira de dar visibilidade ao talento local e de facer partícipe a cidadanía do evento”, sinalan desde AGAIN (Asociación Galega Audiovisual Inclusiva), organizadores do evento.

O festival quere homenaxear aos profesionais da saúde e dos servizos sociais como queda latente no deseño da viguesa Abi Castillo. “Quixen facer unha homenaxe a todos e todas as que nos coidan. A miña intención era transmitir fortaleza facendo protagonista a unha muller sanitaria entre focos de cine que apuntan cara fóra, proxectando un futuro que espero sexa mellor e nos faga máis conscientes do que é realmente importante”, explica a deseñadora.

Por outra banda, na selección dos traballos audiovisuais presentados a concurso déuselles maior puntuación a aqueles que axudasen a dar a coñecer e valorar o traballo dos sanitarios. Ademais, no acto inaugural proxectarase, fóra de concurso, De chaque instant, o último documental de Nicolas Philibert. Este documentalista francés está considerado un dos mellores de Europa e do mundo e tras estar ingresado no hospital e quedar abraiado da dedicación dos sanitarios que o atenderon, filmou De chaque instant sobre a vocación dos enfermeiros. Esta proxección faise en colaboración coa Alliance Française e o Institut française de Vigo.