CASAACUNHA

‘Crip Camp’, premiado no Festival de Cine Inclusivo, candidato aos Oscars

O documental Crip Camp: a disability revolution, dirixido por James Lebrecht e Nicole Newnham, resultou gañador na sección VIG-IN DOC da pasada edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo (VIIFF). Hai unhas semanas anunciouse que o filme está nomeado a Mellor Documental nos Oscars, os máis prestixiosos premios de cinema internacional.

Os directores de Crip Camp agradecendo o premio, na pasada edición do festival | VIIFF

Non é a primeira vez que o VIIFF programa filmes candidatos e gañadores aos Oscars: a curtametraxe Stutterer, gañadora dos Oscars en 2016; Madre, gañadora en 2019, ou o documental Unrest que quedou ás portas dos apreciados premios, o mesmo que o filme Campeones, que fora a proposta española para competir nos Óscars a mellor película en lingua extranxeira.

Banner A Movidiña

Este ano será Crip Camp: a disability revolution, de James Lebrecht e Nicole Newnham, a que compita por tan aclamado premio. Esta longametraxe, producida polos Obama, conta a historia do campamento de verán para mozos e mozas con discapacidade organizado por hippies e que foi o berce da loita pola igualdade dos dereitos civís. Tras gañaren a sección competitiva de documentais internacionais pola inclusión, os realizadores agradeceron cun vídeo o premio recibido en Vigo o pasado 17 de outubro e aseguraron que serán os primeiros fondos para unha futura fundación que van crear pola loita dos dereitos das persoas con discapacidade nos Estados Unidos.

Nesta mesa categoría dos Oscars atopamos El agente topo, o último documental da chilena Maite Alberdi, directora que presentou o seu anterior traballo na edición de hai dous anos do Festival de Cine Inclusivo de Vigo, titulado Los niños. O próximo 26 de abril sairemos de dúbidas de cal dos filmes resultará o vencedor.

Aínda coa data por confirmar, este ano o VIIFF tentará repetir o éxito do ano pasado, no que malia ás restriccións causadas pola pandemia gozou dunha boa afluencia de público. Un festival cunha oferta cinematográfica moi variada, con obras internacionais, nacionais e galegas de gran nivel.