Abertas as inscricións para o I Concurso de Grafiti da Agrupación de Centros Culturais
A Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, convoca o I Concurso de Grafiti ACDC, no marco da Festa da Cultura que se celebrará os días 2 e 3 de setembro. O prazo de entrega de bosquexos durará ata o 19 de agosto. Os premios en metálico van desde os 300€ ata os 30€ en accésits.
A arte urbana gaña cada vez máis peso na cidade de Vigo. O I Concurso de Grafiti ACDC chega coa intención de darlle ao evento unha nova dimensión e levar o folclore galego á pintura e á cultura urbana. Para iso proponse unha temática que xire arredor da música, traxe e abalorios tradicionais galegos. Poderán participar toda persoa interesada a partir dos 14 anos (os menores de 18 deberán presentar autorización do seu representante legal) e, para facelo, debe mandar un máximo de dous bosquexos en formato jpg ao correo info@centrosculturaisvigo.es, xunto coa documentación esixida nas bases, entre o luns 25 de xullo e o venres 19 de agosto.
O xurado composto por membros da Directiva da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, seleccionará 8 participantes, que terán que plasmar a súa obra o sábado 3 de setembro entre as 10:30 e 18:00 na Praza de Compostela. Será ese día cando outro xurado, composto por profesionais relacionados co mundo da arte, un membro da Directiva e un representante do Concello de Vigo, escolla os gañadores, que poderán recibir un dos seguintes premios en metálico:
1o – 300€
2o – 200€
3o – 100€
4o – 50€
Accésit – catro accésits de 30€