CAMELIAS MASCOTAS

A viguesa Vanesa Álvarez inicia en Coia un mural de 2400 metros cadrados coa axuda de 170 voluntarios

A artista viguesa Vanesa Álvarez, quen xa deixou a súa pegada nuns cantos muros da cidade, volve á carga este ano con Coida Coia, un mural colaborativo de 2400 metros cadrados. Ao longo de sete días, ela xunto con 170 persoas voluntarias encherán de cor o antigo carril bici do barrio vigués.

REVISTA NOVEMBRO

O pasado luns 22 comezou a realizarse o mural Coida Coia, unha obra mural colaborativa de 2424 metros cadrados que encherá de cor o antigo carril bici da Avenida Castelao, desde Praza América ata a rotonda do Alfageme. Esta obra, como as outras realizadas anteriormente por Vanesa Álvarez con ExpostAs, pertencen ao festival de arte urbana Vigo Cidade de Cor. En realidade, os preprativos deste traballo veñen de lonxe, xa que a artista estivo meses deseñando as ilustracións que irán sobre o chan de Coia. Tamén estivo a semana previa, con axuda de varias compañeiras, deixando todas as liñas preparadas para que as persoas voluntarias só teñan que chegar e encher os ocos indicados coa pintura precisa.

Vanesa Álvarez pintando o mural | P. Vázquez

Esta idea nace tras facer unha peza similar en Union Square, no corazón de Manhattan. Vanesa, residente en Nova York desde hai uns cantos anos, realizou un mural de 2000 metros cadrados cheo de cor coa axuda de 150 veciños e veciñas do barrio. Agora, en Vigo, aumenta as cifras a 2424 metros cadrados e 170 axudantes. Os traballos extenderanse ata o xoves da semana que vén, aproximadamente.

Algúns dos voluntarios que participaron o luns no mural, xunto con Vanesa | P. Vázquez

O cupo para participar encheuse en moi pouco tempo, o que demostra o interese da cidadanía en participar neste proxecto. Pola súa parte, Vanesa mostrouse feliz do recibimento do seu traballo na súa cidade. A artista adiantounos que o ano que vén o mural crecerá, en concreto desde o Alfageme ata os volcáns, polo que as persoas que quedaron sen praza teñen unha segunda oportunidade en 2025.

Vanesa transportando pintura á beira do mural | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.