Axuda a APAMP a rematar o mural de barro que están a crear no Paseo de Alfonso
Achégate hoxe ao Paseo de Alfonso XII para coñecer un pouco máis de cerca o traballo de APAMP e para participar nas súas actividades. Esta 2ª Intervención Urbana da Asociación vai durar ata as 20:00 da tarde, onde poderás gozar de diferentes espectáculos e axudar a crear un mural de barro de 7 metros de lonxitude.
Hoxe tes ata as 20:00 da tarde para pasarte polo Paseo de Alfonso XII, onde está a ter lugar a 2ª Intervención Artística de APAMP (Asociación de Familias de Personas con Parálisis Cerebral). Debido ao éxito da edición anterior, no que a Asociación cumpría 40 anos, decidiron facer de novo esta actividade, e seguir así ano tras ano.
O evento consiste principalmente na creación dun mural de barro de 7 metros de lonxitude, no que pode participar calquera persoa, facendo algunha figuriña ou riscando directamente sobre a superficie. A organización dispón de máis de 200 kg de cerámica para facer o mural e multitude de pequenas esculturas. Unha vez rematada a obra, levarase a cocer e no plazo de entre 15 días ou un mes, se situará nunha zona do barrio de As Travesas. Ademais desta obra artística, tamén haberá actuacións, como a do grupo Alféizar pola mañá, a performance dos homes e mulleres da Asociación e o recital da poeta Nuria Abril.
A idea básica desta xuntanza é a de romper esa barreira invisible que separa a cidadanía das persoas con discapacidade, neste caso a parálise cerebral. APAMP busca que todo o mundo se achegue para pasar unha xornada de convivencia co resto da cidade.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O Concello impide a celebración do festival Mar de Galicia a menos de 24 horas da súa celebración - 18 Xullo, 2026
- Novidades musicais locais para escoitar cos pés a remollo - 17 Xullo, 2026
- Sinsal vertebra a súa edición máis ambiciosa a través do Camiño Portugués e o patrimonio industrial - 8 Xullo, 2026
- Os concertos de Castrelos teñen un custo de arredor de tres millóns e medio de euros - 30 Xuño, 2026
- Do bar ao mundial: a evolución imparable do fútbol gaélico en Galicia - 29 Xuño, 2026





