Á solaina ou ao luar
Se de algo nos gusta presumir por estes lares é de solpores. Alguén se atreve a negar que «as mellores postas de sol do mundo» están aquí? A maxia do luscofusco é a que nos leva do día á noitiña e que, nunha sorte de meigallo, neste meridiano en que vivimos, recibimos con máis luz, como con máis tempo… como unha experiencia extrasensorial que quen vén de fóra gusta de experimentar: «Mira, xa pasan das dez e media e o ceo aínda está azul!». É verán, os días son máis longos e o momento de saír a tomar algo é unha prioridade.
Desta volta falamos de todas as opcións que temos á man, das que non sempre nos lembramos… Quer para o solpor, quer para o vermú ou talvez para un cóctel na noite cerrada. Calquera hora nos vai ben se se trata de saír de terrazas con esta temperatura tan agradable que nos trae o estío. Se che gusta andar a pé de rúa, facilmente terás unha terraza cerca. Se buscas tomar algo nunha zona afastada do tráfico rodado, podes optar polas áreas peonais: O Calvario, o casco vello, Montero Ríos, prazas como a da Independencia ou a da Miñoca… Se te pos máis sibarita e buscas estar por derriba do mar,pódeste achegar ao paseo de Bouzas, aos locais a pé de praia que van desde Alcabre ata Canido, a Albatros…
Tamén podemos contar con opcións máis… elevadas. Neste caso, trátase de atopar un punto no centro da cidade desde o que se obteña unha perspectiva diferente. Falamos das terrazas no alto dos edificios: seguramente algunha vez estiveches na cafetería de El Corte Inglés contemplando eirados e tellados de edificios veciños, pode que nalgún momento te achegases ao hotel Nagari a tomar un cóctel pola noite ou se cadra optaches por facelo en hoteis como Axis ou o Ciudad de Vigo…
Con todo, gustaríame facer unha parada especial no hotel América: na miña ruta polas terrazas da cidade, descubrín aquí un moi amplo abanico de posibilidades que nos permiten, se así o desexamos, vivir unha deliciosa xornada completa nesa marabillosa terraza, cuxo persoal é impecable no trato. O primeiro que nos conquistou dela foi o seu horario ininterrompido a partir de abril: desde as 7:00 horas, calquera pode entrar pola recepción do hotel, indicar que vai á terraza e subir no ascensor ata o 7º andar. Unha vez alí, a elección é totalmente libre: podes saír á raxeira a tomar un café, un almorzo continental… ou ben escoller a miña opción preferida, que é gozar dun completísimo bufete para o almorzo, que ben fai as veces de brunch cando quedo cunhas amigas. Non hai pracer máis grande, con materia de primeira calidade: desde o pan de diferentes variedades ata os embutidos ibéricos, pasando polo biscoito caseiro, a froita, leite de todo tipo de variedades e, por suposto, zume de laranxa 100% natural e acabado de espremer. Como opción quente, non faltan os ovos en múltiples preparacións e o touciño entrefebrado. Entre semana a hora do almorzo chega ata as 11:00 horas. As fins de semana, alóngase media hora máis. Logo xa dan ganas de atacarlle ao vermú: fai sol, pero as antucas dan boa sombra e o espectáculo sobre a ría está servido. Se se che foi o tempo e é xa a hora de comer, un revolto ou unha ensalada son opcións fantásticas para un xantar lixeiro e saudable. Xa de tarde, como merenda podemos tomar un batido ou un smoothie a base de froita natural, tamén se pode picar algo na hora do serán e, xa para rematar, un cóctel de última hora, que na entrada do verán chegou ata a medianoite, pero nestes meses de xullo e agosto, ben nos pode levar á madrugada…
Por Arancha VILAS
[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Xullo-Agosto 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]
Últimos posts de Arancha Vilas (ver todos)
- Á solaina ou ao luar - 25 Xullo, 2019
- De como as Letras Galegas decidiron asentarse na cidade da oliva - 1 Maio, 2019