REVISTA ABRIL

De cretinos a reis da festa

«Fomenta reaccións maiormente negativas e destrutivas na xente nova. Cheira a mentira e falsidade. Os que cantan, tocan e escriben iso normalmente son uns cretinos». Esta frase podería pertencer ao teu cuñado, carajillo en man, durante unha sobremesa falando sobre a música urbana, pero vén sendo o que dixo Frank Sinatra en 1957 para se referir ao rock and roll. Como é habitual en afirmacións tan categóricas, os emisores non demostran ser grandes coñecedores do tema a tratar.

Sergio «Steel» Cora | Cedida

«Dicir que non é música é unha parvada, simplemente cambiou o mecanismo de como se fai; antes precisabas boas ideas e moito traballo e agora, grazas á tecnoloxía, precisas boas ideas e algo menos de traballo. Eu usaría o Auto-Tuneaínda que cantase coma Johnny Cash», opina Ariel Suárez, máis coñecido como Shy Kolbe no eido artístico. Con el concorda Senén Vaamonde: «Existe ese prexuízo por falta de información ou porque os oídos non se adaptan ao que soa; aos 32 anos que teño xa hai cousas novas que non me acaban de convencer, pero iso é normal», explica este amante do punk e dos xéneros xamaicanos que non ten problema ningún en programar música urbana na sala Doppler, que rexenta desde que abriu en 2017. «Mira o que pasou con C. Tangana e o himno do Centenario do Celta: había unha chea de prexuízos cando se anunciou e ao final foi un fenómeno social». Ika Subersiva, cincuenta por cento do recente dúo de rap Vértebras, nota na música un certo elitismo: «Isto vese reflectido na opinión da xente e na forma de apreciar os diferentes estilos musicais». Sergio Cora Campos, alias «Steel», é un destacado autor de vídeos musicais deste xénero desde 2011, e quere romper unha lanza a prol da xente máis vella: «Vexo a diario xente moi diferente escoitando todo tipo de música; non hai un pensamento tan cerrado de cara a un determinado xénero musical coma o que había antes».

O termo música urbana está en todas as partes desde hai uns anos, e serve tanto para designar rap como trap, reggaeton, hyperpop e un longo etcétera. Pero que é exactamente? «Foi a etiqueta que escolleu o mainstream para poñerlle nome a un xénero que non nacía de emisoras radios Los 40 Principales nin de programas televisivos como Operación Triunfo, senón de barrios e de Internet», afirma Senén. Amplía a definición Sergio: «É a música que fai todo aquel que vén desde abaixo, sen enchufes, breando en solitario ou cos medios que poida apañar; non é tanto o son, é máis ben unha cuestión de actitude».

«É a música que fai todo aquel que vén desde abaixo, breando en solitario ; non é tanto o son, é máis ben unha cuestión de actitude»

Sergio «Steel»

A música urbana sitúase nun limbo entre o underground e o mainstream. Mentres que nos anos oitenta todo o mundo coñecía o «Thriller» de Michael Jackson, na actualidade hai artistas que enchen estadios que seguen a ser descoñecidos para unha gran parte da poboación. «Hai artistas famosos que non soan na radio, pero teñen millóns de escoitas na Rede», asegura Shy Kolbe. Porén, para Sergio é moi complicado clasificalo así polo seguinte: «O que hoxe é underground mañá pode ser viral e saírche en TikTok». E súmase ao faladoiro Amari, a outra metade de Vértebras: «Para min o underground é contracultura, e isto contradí un pouco seguir os pasos do comercio musical, pero para poder vivir da música hai que cederlle terreo á industria».

REVISTA ABRIL
Senén Vaamonde | P. Cermeño

En Vigo temos moitos motivos para sentir orgullo da música urbana de noso, pero é de lei recoñecer o labor do colectivo Banana Bahia Music, que foi un dos pioneiros a nivel estatal a este respecto. Formado por nomes como Kaixo, Dirty Suc, Elecesar, ou Royce Rolo, o conxunto disolveuse en 2020 con máis dunha década de traballo ás costas, deixando un enorme ronsel que seguiron moitos artistas; un legado creativo sen parangón.

«Para min o underground é contracultura, pero para poder vivir da música hai que cederlle terreo á industria».

Amari de Vértebras

Despois viñeron outros nomes que están obter grandes recoñecementos internacionais, entre os que destacan Hard GZ e Kyotto. Todos coinciden no bo momento que está a vivir a música urbana actualmente na cidade, malia que sexa preciso «que se apoien os novos proxectos e que funcionen os espazos destinados para a creación», afirma o dúo Vértebras referíndose ás salas de ensaio municipais Vigosónico. Sobre unha mostra deste gran cambio opina Senén: «Hai 12 anos poucos grupos sacaban videoclips e agora temos unha chea deles cada semana». Sergio, voz autorizada no eido audiovisual, pensa que a estética é moi importante: «A forma de representar a música en imaxes fai que entren en xogo máis sentidos á hora de sentir unha canción». Outro sinal da boa saúde que atravesa este movemento son as festas que se organizan regularmente coa música urbana como eixo central. A máis coñecida é Overdose Club, pero hai tres anos apareceu con forza Nagasaki Club. «Empezou como a festa de aniversario dun colega e saíu tan ben que a sala Master Club nos pediu repetir. Ao primeiro contabamos unicamente con artistas locais, pero agora xa contratamos algúns máis coñecidos», explica Shy Kolbe, un dos membros fundadores do evento.

Vértebras | Cedida

Sinatra nunca chegou a leirar moito co rock. Non podemos saber, aínda que si intuír, que opinión tería agora sobre a música urbana. Unha cousa está clara: non sempre saían cousas fermosas da súa voz.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.