VIALIA
MAGIC LAXE

Á solaina ou ao luar

Se de algo nos gusta presumir por estes lares é de solpores. Alguén se atreve a negar que «as mellores postas de sol do mundo» están aquí? A maxia do luscofusco é a que nos leva do día á noitiña e que, nunha sorte de meigallo, neste meridiano en que vivimos, recibimos con máis luz, como con máis tempo… como unha experiencia extrasensorial que quen vén de fóra gusta de experimentar: «Mira, xa pasan das dez e media e o ceo aínda está azul!». É verán, os días son máis longos e o momento de saír a tomar algo é unha prioridade.

Desta volta falamos de todas as opcións que temos á man, das que non sempre nos lembramos… Quer para o solpor, quer para o vermú ou talvez para un cóctel na noite cerrada. Calquera hora nos vai ben se se trata de saír de terrazas con esta temperatura tan agradable que nos trae o estío. Se che gusta andar a pé de rúa, facilmente terás unha terraza cerca. Se buscas tomar algo nunha zona afastada do tráfico rodado, podes optar polas áreas peonais: O Calvario, o casco vello, Montero Ríos, prazas como a da Independencia ou a da Miñoca… Se te pos máis sibarita e buscas estar por derriba do mar,pódeste achegar ao paseo de Bouzas, aos locais a pé de praia que van desde Alcabre ata Canido, a Albatros…

Albatros é o mellor espazo do centro da cidade para gozar do contacto directo coa Ría.

Tamén podemos contar con opcións máis… elevadas. Neste caso, trátase de atopar un punto no centro da cidade desde o que se obteña unha perspectiva diferente. Falamos das terrazas no alto dos edificios: seguramente algunha vez estiveches na cafetería de El Corte Inglés contemplando eirados e tellados de edificios veciños, pode que nalgún momento te achegases ao hotel Nagari a tomar un cóctel pola noite ou se cadra optaches por facelo en hoteis como Axis ou o Ciudad de Vigo…

REVISTA NOVEMBRO

Con todo, gustaríame facer unha parada especial no hotel América: na miña ruta polas terrazas da cidade, descubrín aquí un moi amplo abanico de posibilidades que nos permiten, se así o desexamos, vivir unha deliciosa xornada completa nesa marabillosa terraza, cuxo persoal é impecable no trato. O primeiro que nos conquistou dela foi o seu horario ininterrompido a partir de abril: desde as 7:00 horas, calquera pode entrar pola recepción do hotel, indicar que vai á terraza e subir no ascensor ata o 7º andar. Unha vez alí, a elección é totalmente libre: podes saír á raxeira a tomar un café, un almorzo continental… ou ben escoller a miña opción preferida, que é gozar dun completísimo bufete para o almorzo, que ben fai as veces de brunch cando quedo cunhas amigas. Non hai pracer máis grande, con materia de primeira calidade: desde o pan de diferentes variedades ata os embutidos ibéricos, pasando polo biscoito caseiro, a froita, leite de todo tipo de variedades e, por suposto, zume de laranxa 100% natural e acabado de espremer. Como opción quente, non faltan os ovos en múltiples preparacións e o touciño entrefebrado. Entre semana a hora do almorzo chega ata as 11:00 horas. As fins de semana, alóngase media hora máis. Logo xa dan ganas de atacarlle ao vermú: fai sol, pero as antucas dan boa sombra e o espectáculo sobre a ría está servido. Se se che foi o tempo e é xa a hora de comer, un revolto ou unha ensalada son opcións fantásticas para un xantar lixeiro e saudable. Xa de tarde, como merenda podemos tomar un batido ou un smoothie a base de froita natural, tamén se pode picar algo na hora do serán e, xa para rematar, un cóctel de última hora, que na entrada do verán chegou ata a medianoite, pero nestes meses de xullo e agosto, ben nos pode levar á madrugada…

Por Arancha VILAS

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Xullo-Agosto 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Amante da música e licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun variado currículum en comunicación, máis centrado nos últimos anos na área dixital, Arancha Vilas é unha recomendadora nata e investigadora de historias locais. A iso se dedica nas nosas páxinas. É posible que algunha vez a atopedes cantando nalgún escenario xunto á súa guitarra co alcume de ARiMagritte.

Últimos posts de Arancha Vilas (ver todos)