VIALIA
PLAYDOC

Unha movida que non para

Letras controvertidas, peiteados extravagantes, medias rotas… Entre o final dos anos setenta e o comezo dos oitenta, Vigo viviu unha explosión de rebeldía. Tras un longo período de represión, todo estaba permitido. Este movemento foi coñecido como a movida viguesa. A cidade vivía máis de noite que de día, as salas de festas estaban a rebentar e nacían grupos de debaixo das pedras.

Nicolás Pastoriza e Iván Ferreiro | Foto: Alba Sotelo

Nicolás Pastoriza: “Todo se volveu moi tolo e bastante horroroso se o miras co paso do tempo”

Iván Ferreiro:“Aquí hai una saúde musical moi boa e a xente vén moito mellor preparada”

Xurdiron bandas que fixeron carreira como Siniestro Total ou Golpes Bajos e moitas outras que se disolveron coa mesma efervescencia coa que naceron. Os músicos rulábanse duns grupos a outros e escoitábanse letras como a das cancións «Me pica un huevo» ou «Malos tiempos para la lírica». Tras a longa ditadura, había unhas ansias enormes de liberdade, de experimentar e de facer todo aquilo que antes estaba prohibido.

REVISTA MAIO
Pablo Novoa e Amaro Ferreiro | Foto: Alba Sotelo

Pablo Novoa: “Agora hai menos receos, xúntase a colaborar con outros artistas e non hai problema”

O movemento pasou á historia da nosa cidade. E deixou un legado musical e cultural que chega aos nosos días. Vigo segue a ser un referente no eido estatal. Tanto a xeración de músicos que protagonizou os anos da movida coma os que viñeron despois coinciden na excepcionalidade do momento, pero aseguran que cos anos se gañou en calidade musical e profesionalidade. Ata o punto no que artistas como Iván Ferreiro ou Nicolás Pastoriza sosteñen que agora mesmo se está a vivir a mellor época da música que lembran.

Wöyza | Foto: Alba Sotelo

Wöyza: “Hai moitos artistas descoñecidos en Vigo que están a triunfar fóra”

«A gran diferenza entre os oitenta e a actualidade é o punto de partida. Viñamos dun país en branco e negro e o feito de ter una banda de rock era un problema máis que un valor engadido», explica Pastoriza, que iniciou a súa carreira musical naquel entón. Ferreiro, a quen a movida pillou entre a infancia e a adolescencia, engade que o movemento estaba máis na xente que nas bandas. Así o entende tamén a rapeira Wöyza: «Foi un momento histórico, non representaba só a música senón unha xeración, unhas ideas, una situación política… esa é a importancia». A ruptura coa época precedente foi total. «Víñase dunha ditadura; foi normal esa explosión, esa provocación, a necesidade de rachar con algo», sinala Eladio Santos, líder de Eladio y los seres queridos, e engade que se viviu un momento irrepetible porque «daquela a provocación era auténtica, non había detrás unha campaña de mercadotecnia como hai agora». O músico dubida moito que se volvan dar as circunstancias para que suceda un movemento daquelas magnitudes.

Eladio Santos | Foto: Alba Sotelo

Eladio Santos: “Daquela a provocación era auténtica, e non mercadotecnia como agora”

Non obstante, Vigo segue a ser un referente na creación de bandas. «En Vigo hai proxectos con todo tipo de música: experimental, folk, hip-hop, rock, soul… Creo que hai unha saúde musical moi boa e que a xente agora vén moito mellor preparada», sinala o excompoñente de Los Piratas. Coincide con el Wöyza; a artista sinala que lamentablemente «hai moitos artistas que están a facer un traballo moi grande e que son descoñecidos, algúns deles mesmo están a triunfar fóra e aquí aínda non acadaron recoñecemento». Amaro, o pequeno dos Ferreiro, engade que, aínda que el era un cativo nos tempos da movida, estaba orgulloso de que se producise aquí. Pero, igual que o seu irmán, asegura que despois se crearon grupos marabillosos, «seguiron a emerxer artistas e foise creando un panorama musical a nivel empresarial que non existía antes». Pese a ser un dos protagonistas da movida, Pablo Novoa asegura non ter ningunha morriña ao respecto: «gústame vivir o presente da música non o pasado». O incombustible músico non parou de traballar en todos estes anos e, se algo valora da actualidade, é a colaboración entre artistas. «Nos oitenta queriamos preservar a nosa identidade e parecía que non se podía intimar moito con outros grupos. Agora xúntaste coa xente que queres e non hai ningún problema, de feito alucinas facendo cousas cos demais», explica o excompoñenente de Golpes Bajos. Un sentido da colaboración que todos eles deixan ben patente, pois non é raro velos tocar xuntos.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.