CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

A serie de animación ‘Bibopalula’ chega para facer bailar e cantar aos máis pequenos

As máis e os máis pequenos xa poden ver Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en lingua galega, que estrearon a produtora Undodez e a Televisión de Galicia a través de xabarin.gal e a aplicación móbil do Xabarín o pasado 29 de novembro.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, que son tamén directora e guionista da serie, conta con 55 capítulos de cinco minutos na súa primeira temporada, co paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o peto Carpin como protagonistas. Os catro forman a Banda do Bosque, un grupo musical ao que se unen en cada episodio outros tantos paxaros, coas voces dalgunhas das actrices e actores máis coñecidos polo público en Galicia como Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán.

Os ciclos naturais do bosque, desde a chegada do inverno ata a das cegoñas, son tamén protagonistas dunha serie que ten na música un dos seus grandes valores: cada un dos episodios remata co videoclip dun tema musical orixinal, composto por Santi Jul e Iván Laxe. Nunca antes o público infantil no tramo de idades de 3 a 6 anos contara cun contido musical na nosa lingua, feito integramente por profesionais e empresas galegas. Esta aposta de Undodez responde ao compromiso da produtora que lideran o actor Xosé A. Touriñán e os produtores Álvaro Pérez Becerra e Javi Lopa coa produción en galego e desde Galicia.

A canle pública autonómica estreará en exclusiva a serie a través da súa plataforma de contidos dixitais infantís, antes de que viaxe por outros territorios e noutras linguas a través de diferentes operadores. A aplicación do Xabarín e xabarin.gal estrearon a serie o venres 29 de novembro, co lanzamento dos primeiros vinte episodios.

CAMELIAS NADAL

Ao longo do mes de decembro está prevista unha intensa campaña de promoción, que incluirá a publicación dun conto infantil, a aplicación móbil da serie, ou contidos complementarios a través de YouTube e as principais plataformas de música en streaming. Ademais, a partir de xaneiro está prevista a publicación dunha unidade didáctica que recollerá contidos relacionados co coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos.

A comezos deste ano a Televisión de Galicia anunciaba a creación dunha plataforma de vídeo baixo demanda chamada AGalega. Neste novo espazo virtual atopamos máis de 1400 contidos audiovisuais entre filmes, series, curtametraxes, programas de televisión, concertos e podcasts. Pola súa banda, o mítico Xabarín Club goza do seu porpio dominio, xabarin.gal, dedicado aos máis pequenos da casa. Neste último espazo é onde xa se pode consultar Bibopalula.