bannerPicnicSesions

O Apalpador chega con castañas e moita animación

Xa metidos de cheo no Nadal e cunha programación cultural para todos os gustos, non podemos pasar por alto unha das citas con máis tradición na nosa terra. Este sábado o Apalpador estará por diferentes barrios da nosa cidade: no Calvario, na Praza da Industria e no Berbés.

O carboeiro máis destacado da tradición galega, coñecido como o Apalpador, está a piques de comezar o seu camiño anual. Baixará dos montes do Courel, lugar onde vive todo o ano, cara os pobos das cidades galegas. A tradición conta que o 23 de decembro ía casa por casa tocándolle a barriga a todos os pequechos para ver se comeran abondo durante o ano e deixándolles un bo puñado de castañas e un agasallo para desexarlles un bo ano cheo de felicidade e fartura con palabras como “así estexas todo o ano”.

Ataviado cunha boina para tapar a cabeza do frío, unha zamarra chea de farrapos cosidos e cargado cun bo saco de castañas, chegará a Vigo con algo de adianto. O sábado 22 de decembro hai unha morea de actos para recibir a este personaxe tan entrañable.

Banner A Movidiña

No Calvario, desde ás 11 da mañá, haberá actuacións de baile moderno, baile tradicional e pandereteiras dos grupos da AVV O Calvario e O Fiadeiro que recibirán ao Apalpador ás 11:55 para saír en ruada ata o Mercado do Calvario e alí entregar os premios do concurso Debuxo do Apalpador. A continuación, sesión de contacontos de man de Barafunda Animación.

Pola tarde, na Praza da Industria os actos comezarán ás 16:30 con obradoiros de percusión, pintura e manualidades para os máis pequenos ao que lle seguirá unha sesión de contacontos titulada “Codia e Miolo”. A chegada do Apalpador está prevista para ás 18:45. Media hora despois comezará unha ruada con música ata a Praza do Berbés onde haberá animación con Barafunda e a actuación do grupo de baile tradicional da AVV do Casco Vello.

Xa a noitiña, arredor das 20 horas, chegará o Apalpador ao Berbés para despedirse un ano máis dos nosos nenos e desexarlles un bo aninovo. E, como non podía ser doutra forma, a festa rematará cas actuacións de Treboada Baixo Miño, O Trebón do Berbés e Os Catro Quintos.

(GMT+01:00) O Calvario


(GMT+01:00) Praza Eugenio Fadrique


(GMT+01:00) Plaza do Berbés