CAMELIAS MASCOTAS

A Reconquista terá lugar os días 30 e 31 de marzo de 2019

Hoxe na Praza da Constitución presentouse o cartel e a programación da nova edición da Reconquista de Vigo, que xa cumpre 25 edicións. Os eventos centrais serán os días 30 e 31 de marzo, mais haberá outras actividades ao longo do mes. 

REVISTA NOVEMBRO

Cartel obra de Nuria Pazos

Como xa vos comentamos anteriormente, esta edición da famosa Reconquista da Vila de Vigo promete ser a máis ambiciosa que se recorda, xa que desde a organización aspiran a converter a esta celebración histórica en Festa de Interese Turístico Nacional. Pola súa historia e significación, tanto local como nacional, o obxectivo semella complicado pero posible. A festa cumpre con todos os requisitos necesarios para conseguilo, pero lle falta maior repercusión a nivel estatal. Se non se consegue para este ano, intentarase para o que vén.

Este luns pola mañá presentouse o cartel da vixésimo quinta edición da Festa da Reconquista, obra da artista Nuria Pazos, que terá lugar os próximos días 30 e 31 de marzo de 2019. Na ilustración podemos ver a unha rapaza nova de mirada seria debuxada a lapis con destreza. As únicas cores do cartel son os vermellos e azuis, que semellan pintados con acuarela.

Ademais da imaxe da festa, tamén coñecemos a súa programación. Os días grandes da festa serán o 30 e 31 de marzo, pero haberá outras actividades durante todo o mes. Por exemplo, do 7 ao 23 celebrarase novamente o concurso gastronómico Re-tapas, sendo o 28 a entrega de premios. O 27 será a quenda das nenas e nenos, que poderán participar na súa particular Reconquista. Como novidade, recupérase o evento da destitución da corporación por parte dos franceses, ou sexa, a toma da Vila de Vigo, que non se realizaba desde o ano 2015. Este acto terá lugar o día 23, e posteriormente haberá unha cea a que pode asistir quen queira reservando praza, sempre que vaia caracterizado de época.