A Orquestra Vigo 430 presenta a súa tempada 2019-20
Este domingo dará comezo a nova tempada da Orquestra Vigo 430 co concerto A linguaxe das flores, que virá seguido dunha actuación ao mes ata maio de 2020. Desde a organización destacan a calidade desta nova programación, coa que pretende asentar á 430 como unha das principais sinfónicas de Galicia e abrir a música clásica a novos públicos.
Ao igual co resto de actuacións, a deste domingo 17 terá lugar no auditorio Martín Códax, do Conservatorio Superior de Música (CSM). Será ás 19:00 e levará por título A linguaxe das flores. Tratarase dunha inmersión musical e narrativa nun tema de gran importancia na época barroca: o mundo das flores. Os xardíns franceses e ingleses, a taxonomía botánica, expedicións científicas, bodegóns, coleccionistas, o primeiro “crack” bursátil provocado polos Tulipáns ou certa morte entre as flores aínda por resolver, articulan este periplo narrativo no que nos acompañarán partituras escollidas do repertorio de música de cámara barroca. Noelia Otero exercerá de narradora sobre a música do Ensemble Vigo 430.
O resto da programación continúa da seguinte forma: As “variacións rococó” de Tchaikovsky o 20 de decembro, Marcello: concerto para oboe o 26 de xaneiro, O concerto para violín de Beethoven o 16 de febreiro, A paixón segundo San Xoán de Bach o 22 de marzo, Octeto de Mendelssohn o 24 de abril e Berlioz: “Harold en Italia” o 29 de maio. Todos eles terán un prezo moi asequible, entre 5 e 10€.
Unha das propostas que veñen facendo desde a 430 é a de Escoitantes, coa que organizan actividades paralelas aos concertos para achegar ao público, menos habituado, á música clásica. O proxecto Vigo 430 nace de forma independente en 2005, co obxectivo e a ilusión posta na creación dun grupo musical de calidade, que na súa maioría formouse pola gran xeración de músicos novos que saen dos conservatorios de Galicia. Nos seus primeiros traballos centrouse na creación do núcleo dunha orquestra de cordas, que a partir de 2010, e xa co apoio decisivo do Concello de Vigo, sería o xerme da orquestra sinfónica.