VIALIA
PLAYDOC

Eclecticismo musical da Orquestra Vigo 430 na súa tempada 23/24

A Orquestra Vigo 430 presenta a súa tempada 2023/24 «Orixes». Con este título faise referencia ao auténtico exercicio de introspección na esencia de cada estilo musical que leva a cabo nesta programación. Fieis á tradición da orquestra, estes estilos abarcarán desde obras do barroco, pasando polo clasicismo até chegar aos xa considerados clásicos século XX así como a produción de compositores dos nosos días.

Primeiro concerto da tempada, en outubro | OV430

As diferentes presentacións da orquestra, adaptadas de forma específica e minuciosa a cada un dos programas, responderán igualmente á filosofía que lle deu fama e prestixio, contando cunha selección de grandes músicos galegos xunto coa achega de excelentes instrumentistas do resto de Europa, ademais de solistas con gran relevancia a nivel internacional.

Protagonistas desta tempada serán Pablo Suárez (violín), Katarina Leskovar (violoncelo), Conrado Moya (percusión), Beatriz Riobó (soprano), María Florea (violín), Ariadna Chmelik (violoncelo), Maya Purdue (piano), Jonian Ilias Kadesha (violín), Sophie de Bardonneche (violín), Amarilis Donas (viola dá gamba), Mariantonia Riezu (trompa natural) e Beatriz Arenas (soprano).

Como directoras asociadas, a orquestra seguirá contando con Isabel Rubio (orquestra sinfónica) e Sophie de Bardonnèche (orquestra barroca). Así mesmo, tamén exercerá como director convidado o violinista Jonian Ilias Kadesha, nun programa eminentemente clásico no que tamén actuará como solista. En canto ao repertorio, destacan programas tan especializados como o de novembro, no que a intérprete eslovena Katarina Leskovar realizará un interesantísimo percorrido por obras do século XX (do que é especialista) para violoncelo só e en combinación con outros instrumentos, de compositores como Penderecki, Kurtag ou Xenakis.

 Javier Escobar, director artístico da orquestra | OV430

En decembro hai unha gran cita coa formación sinfónica, quen baixo a batuta de Isabel Rubio e o percusionista Conrado Moya interpretarán o “Concerto heróico” de Joaquín Rodrigo e a soada 9ª sinfonía “do novo mundo” de Dvorák. Como gran valor engadido, interpretaranse as Cantigas de Martín Códax na versión do compositor vigués Juan Durán.

En xaneiro e marzo será a quenda da orquestra barroca con senllos programas, un deles dedicado a concertos para viola de gamba e trompa natural do período preclásico, e outro especializado na música que fixo soada a Venecia como centro de produción musical a finais do século XVII e principios do XVIII.

REVISTA ABRIL

A música de cámara verase representada con concertos dedicados a formacións de corda (outubro), vento (abril) e a combinación de violoncelo e piano que poderemos escoitar en febreiro coa sonata de Rachmaninov para estes dous instrumentos. Os concertos terán lugar en diversos escenarios: o Auditorio Mar de Vigo, Basílica de Santa María de Vigo e Auditorio Martín Códax. As entradas poderán conseguirse a través da web de Ticketrona.

Programación

04/11 Katarina Leskovar + Ensemble Vigo 430 (Martín Códax)
15/12 Orquestra Sinfónica Vigo 430 (Martín Códax)
—–
27/01 Orquestra Barroca Vigo 430 (Basílica de Santa María)
24/02 Ensemble Vigo 430 (Auditorio Teatro García Barbón)
22/03 Orquestra Barroca Vigo 430 (Basílica de Santa María)
20/04 Quinteto vento-madeira Vigo 430 (Martín Códax)
02/06 Jonian Ilias Kadesha + Orquestra Vigo 430 (por confirmar)