COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

A Orquestra Clásica de Vigo presenta a nova tempada cun concerto de Entroido

A Clásica inaugura este sábado Correspondencias, a súa programación para os vindeiros meses na que atopamos un diálogo entre a música clásica e a súa expresión máis actual. O ciclo terá lugar en varios teatros da cidade e inaugúrase cun concerto de Entroido para o que xa están á venda as entradas.

A Orquesta Clásica de Vigo presentou o programa de Correspondencias, título da primeira parte da temporada 2022que nos brinda “a oportunidade de escoitar sonoridades e propostas moi distintas que manteñen unha mesma intencionalidade: abordar a vixencia da arte a través do tempo, a través da escoita contemporánea da música”, tal e como explicou o director e programdor da orquestra, Manuel Martínez Torres. O programa está formado por tres actuacións e unha sesión inaugural que teñen como fío conductor a revisión da tradición e a sinxeleza.

A Clásica ofrecerá o seu primeiro concerto deste ano o próximo sábado 26 de febreiro, ás 20.30h no Teatro Afundación de Vigo. A cita con “Un entroido instrumental” será a antesala do resto do programa, unha mascarada instrumental de febreiro, que funciona a modo de obertura da tempada, antecede á reflexión de Correspondencias, que lle permitirá ao público achegarse ao Mozart máis esencial para a orquestra coa sinfonía Haffner, a unha revisión da trascendencia do mesmo compositor pero desde a óptica da poesía actual galega así como a descubrir unha incrible revisión soviética da Carmen de Bizet realizada polo mellor instrumentador dos anos 60.

As entradas para a primeira parte da temporada 2022 da Clásica xa están á venda en Ataquilla.com. A orquestra ofrece a posibilidade de comprar o Abono tres butacas, que inclúe tres entrdas para concertos diferentes a prezo reducido e pódese adquirir a través da súa web e na libraría Versus.

Programa

Un entroido instrumental: Saint-Saëns + Fauré
26/02 | 20:30h | Teatro Afundación, Vigo

Como antesala da nova temporada, a orquestra celebra o Entroido cunha mascarada instrumental, un concerto a dous pianos cos solistas Berta Fresco e Jorge Abreu. O programa inclúe as pezas Masques et bergamasques op.112, de Gabriel Fauré, e O entroido dos animais, de Camille Saint-Saëns.

Mozart esencial
18/03 | 20:30h | Teatro Afundación, Vigo

A tempada Correspondencias comeza cunha proposta clásica centrada na música de Mozart, nun monográfico no que se presentarán dúas pezas esenciais como son o Concerto para fagot e a sinfonía Haffner. Deste xeito, búscase entender a súa importancia para a consolidación do son da orquestra. Manuel Veiga (fagot) será o solista. Ademais, soarán os timbais centenarios da Banda Municipal de Música de Vigo, que a Clásica restaurou recentemente.

Retrato musical con Cintaadhesiva
09/04 | 20:00h Auditorio Municipal do Concello de Vigo

Retrato musical preséntase como unha continuación da anterior cita mozartiana co fin de contrastar dúas lecturas actuais sobre o mesmo compositor, reivindicando a vixencia da súa música. A Clásica compartirá escenario cos compoñentes da agrupación poético-musical Cintaadhesiva, Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada, para abordar a música de Mozart desde a óptica da poesía galega actual e do audiovisual, creando unha proposta única que toma como base a ópera Così fan tutte.

Carmen
27/05 | 20:30h | Teatro Afundación, Vigo

SONRIAS

Para pechar a primeira parte da temporada a Clásica contará coa obra composta en 1967 polo artista soviético Rodión Shchedrin. Carmen é unha suite que recolle cunha inusitada limpeza e bo gusto a esencia musical e expresiva de Carmen, a inmortal obra de G. Bizet, integrándoa cunha delicadísima sección de percusión. O concerto ofrecerá a combinación entre a tradición musical do século XIX e a percusión contemporánea a través dunha exquisita orquestración.