CAMELIAS MASCOTAS

A nosa banda sonora viguesa de febreiro

Que non haxa concertos non significa que os músicos estean de brazos cruzados. Discos e cancións seguen a ser publicados de maneira continua, e nesta voráxine informativa na que nos atopamos é doado perderse algunha destas estreas. Traémosvos as novidades musicais viguesas do pasado mes de febreiro, que demostran unha vez máis a enorme variedade que existe nestes lares.

Fotografía da Orquestra Galega de Liberación

DANI STOYKA – ELEVATOR MUZAK CLUB

Segundo traballo en solitario do ex-Stoyka, un EP conceptual ao redor do fío musical do ascensor dun hotel. Un refuxio suxerente e cálido ideal para escoitar mentres tomas algo ou les un libro. Falamos co autor sobre este novo álbum e tamén sobre o anterior, publicado o pasado ano en plena cuarentena.

THE RIGGOS – “MUNDO NATURAL”

Quizais esta non sexa tan adecuada para poñela de fondo mentras les, pero si para desestresarte e mover un pouco a cabeza. A banda de punk rock The Riggos presenta un novo adianto do que será o seu segundo disco, aínda sen data de lanzamento. O seu cantante e guitarrista, Bruno Costas, contounos algunhas cousas sobre a situación actual da banda.

TINTA – ASTRAY

A xove banda de neo soul continúa ascendendo chanzos na escena local con este elegante e vigoroso EP. Tres cancións elegantemente arranxadas e producidas entre as que atopamos “Bahía de Samaná”, un avión musical directo á República Dominicana cargado de ritmo e condimento tropical. Tamén falamos con Martín Rotea, guitarrista da banda.

BEETHOVEN ROLLERS – BEETHOVEN ROLLERS

Non é habitual ver unha banda que, cinco anos despois da súa disolución, publiquen un disco. É o caso dos Beethoven Rollers, un cuarteto de rock and roll que decidiu rescatar as súas gravacións antigas e publicalas todas xuntas nun disco nostálxico e divertido. Denis Carballás, cantante e guitarrista do grupo, contounos como foi este proceso.

ORQUESTRA GALEGA DE LIBERACIÓN – ORQUESTRA GALEGA DE LIBERACIÓN

Esta particular orquestra presenta un ensemble de 17 músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á búsqueda de novas formas de creación espontánea, e á improvisación como fonte de investigación. Entre eles atopamos artistas locais como Rubén Fernández, Macarena Montesinos, Sheila Patricia ou Saúl Puga. Podes mercar o disco aquí.

DIOIVO – “FERRO E XENREIRA”

De música improvisada pasamos a black metal melódico en galego con Dioivo, banda local formada en 2016. Mentres rematan o que será o seu novo EP (Dioivo III) publicaron este adianto, que conta con colaboracións con Dana da Carballeira e Marcos do Relicario de Mileth. 

AAMIGAFEA – “ARTISTA REVELACIÓN (DE TU CLASE)”

REVISTA NOVEMBRO

Este dúo de tecno pop irreverente publicou hai unha semana este tema de letra mordaz e divertida, cuxo vídeo esta gravado en diferentes localizacións da cidade, como a Etea ou nalgúns dos murais de Vigo Cidade de Cor.

MARGARIDA MARIÑO – “ALCUME”

Unha das propostas máis orixinais destes últimos anos xurdidas na nosa cidade é a levada a cabo pola chelista Margarida Mariño, onde mestura este instrumento clásico con elementos electrónicos, logrando unha atmosfera envolvente que parece feita por varios instrumentistas.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.