A Movida viguesa dáse cita este venres en El Ensanche
Unha movida ben grande é a que se vai armar este venres en El Ensanche. Baixo o título de Chin Chin F, brindaremos na honra de F, do que polo de agora só podemos desvelar que é un tipo que coñeceu ben a fondo a Movida viguesa e moitas outras movidas. A cita será en El Ensanche a partir das once da noite e a entrada será de balde.
O evento ten tódolos ingredientes para pasar a historia da nosa cidade, pois alí se reunirán artistas que fixeron carreira naquela época na que Vigo era un polvorín ‘movidero’ e outros que chegaron despois. Será, máis que un concerto, unha reunión entre amigos na que cada un dos artistas tocará un par de temas. Alí estarán: Teo Cardalda, Alberto Comesaña, Tony Lomba, La Banda de Nash o grupo Gallo Rojo, composto para a ocasión por Silvino de Aerolíneas, Luis de Golpes Bajos e Javi de Semen Up, Nuria Cora e a cantante e violinista Patricia Moon. Por problemas familiares non asistirá Miguel, Siniestro Total. Pero, si que confirmou a última hora a súa presenza Mon Cancela, ex-líder de Los Lombardi.
Por si todo isto fora pouco, F estará rodeado por unha morea de amigos. Moitos deles caras coñecidas, por tratarse de xente (vigueses na súa maioría) ligados á cultura desta cidade en tódolos seus ámbitos: teatro, literatura, música, fotografía, dereito, xornalismo… En definitiva, unha movida para non perder, saibas xa ou non quen é o misterioso F.