CANS
GALAXIA

A creación autóctona dáse cita en CiCLICKa

Mañá, xoves, abre as súas portas CiCLICKa un mercado e festival multidisciplinar no que atoparemos arte galega en tódalas súas vertentes. Reúne as propostas de 17 deseñadores, concertos, sesións acústicas, libraría, zona gastro, artes escénicas, decoración, cine, zona chill out e instalacións artísticas. O poderemos visitar ata o día 24 en Velázquez Moreno 44. (Fotos: Pablo V.)

CiCLICKa é moito máis que un mercadiño de Nadal ou que un festival (tal e como o entendemos), é un contedor de experiencias artísticas que só se poden entender visitándoo. É froito da mente inquieta de tres viguesas que levan tempo implicadas coa cultura viguesa: Bego Arana, (La Fundición, Garajeysal, Bla Ideas…), Marcia Vázquez e Eva Comesaña (Asociación 85C). Xúntanse dúas xeracións diferentes para amosarnos a alta calidade artística do que se está a facer aquí. Xunto a elas navegan outros xestores culturais da cidade que toman por bandeira a autoxestión. Afastándose do patrocinio de calquera institución que puidese coartar a liberdade creativa que defenden.

CiCLICKa é o espazo perfecto para atopar os nosos agasallos de Nadal, se queremos fuxir dos convencionalismos e apostar por deseñadores locais. O acceso ao market é gratuíto e nel atoparemos a proposta de dezasete deseñadores, tamén hai espazo para libros que moitas veces non atopan espazo nas baldas das librarías convencionais.

Pero CiCLICKa é arte en si mesmo. O propio espazo, situado en Velázquez Moreno, 44 nun local que noutrora acollía un supermercado foi transformado arquitectonicamente para a ocasión. Partindo, iso si, do principio da reutilización do que xa había no espazo. Durante estes seis días podemos asistir a un senfin de actividades multidisciplinares que combinan música, arte, danza, literatura, cinema ou incluso perruquería na súa vertente máis artística da man das performance de Sara PeluqART.

De xoves a sábado o fin de festa terá lugar na renovada sala Mondo. O xoves a música electrónica e o grunge chegarán da man de Monrovia e Las Cruces; o venres tomará protagonismo a parte máis underground con Mounqup, Mundo Prestigio e Youcanthide. Por último, o sábado o baile e a música negra faranse coa pista do Mondo con BlackStereo e a Macarena War. Os abonos para poder asistir a todas as actuacións xa están á venda a través de Woutik.

E se sodes máis de reis, non vos preocupedes porque CiCLICKA volverá abrir as súas portas entre o 2 e o 5 de xaneiro traendo máis e novas propostas. Podes consultar toda a programación nesta ligazón.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.
REVISTA MAIO