VIALIA
bannerPicnicSesions

‘Camiñamos polo Ensanche?’ por Clara do Roxo

O antropólogo Alberto Vilaboa conta, no limiar da miña novela Sombras no Ensanche, como o derrubamento da muralla no 1861 marcou o seu comezo: «… caída a muralla proxéctase o Ensanche de Nova Poboación. O novo plan urbanístico principiou un modelo de cidade pensado pola  burguesía local, que comezaba a ter unha influencia destacada na sociedade viguesa. Esta burguesía industrial non ilustrada, pero fachendosa e cosmopolita, encargou construír edificios aos máis prestixiosos arquitectos de Vigo para que reflectisen o seu status e o gusto polas correntes artísticas europeas como símbolos de modernidade.»

Os edificios do Ensanche merecen ollar cara a arriba, para descubrilos. Os mecenas vigueses soñaron un Vigo moderno, galego, europeo; por iso non teñen un só estilo senón que mesturan varios. Jenaro de la Fuente, Pacewicz, Gómez Román… espalláronos pola cidade para definila. O roteiro da novela propón un paseo que non deixa indiferente a ninguén.

Partimos do edificio Galoya, na rúa do Príncipe. A súa greca verde e rosa é un broche para o Sereo que vixía a ría. Enfronte, o edificio Simeón, afrancesado, con mansardas e gárgolas de animais fantásticos. No seu balcón, unha muller cun pano, disque é a nai do arquitecto. O edificio Moderno, que non modernista, pecha a Porta do Sol. Unha icona viguesa que albergou un hotel de luxo.

REVISTA ABRIL

No fin da rúa de Carral, o hotel Universal, cargado de historia e de historias que lembran á Bela Otero, á espía Matahari, á Chata, mulleres destemidas baixo o ceo atlántico. A poucos pasos, para que brillen máis os seus azulexos art déco, érguese altiva a casa Mülder, único edificio modernista de Vigo. Cruzamos pola Alameda e a branca galería neogótica da casa Yáñez contrasta co verdor das árbores centenarias. Areal adiante, as casas de Prudencio Nadín e Manuel Blanco e, na esquina coa rúa do Porto, unha edificación que é case unha escultura: o edificio Bonín.

Rúa arriba xa se albisca o racionalista edificio Curbera, chamado «o rañaceos», cunha entrada merecedora dunha alfombra vermella. Bordeamos a igrexa de Santiago de Vigo, co fondo das casas de Oya. A rúa da República Arxentina obríganos a soñar co mar da Ría: o edificio Aurora Polar, un fermoso cruceiro azul ancorado no asfalto. Abraiamos co teatro cine Fraga e despois del chega un ronsel de marabillas, Policarpo Sanz é  milla de ouro do Ensanche: o banco Pastor, a casa Bárcena, o Sanchón, o teatro García Barbón, a Oliva… Tantos e tan xuntos. E de novo no punto de partida, a Porta do Sol co Sereo. Coñecemos o Ensanche?

Clara Do Roxo
Escritora

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Xullo-Agosto 2019. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]