CAMELIAS MASCOTAS

A Movida crea o cartel adaptado ás costas de Vigo para celebrar o seu quinto aniversario

Hai cinco anos que naceu a revista en papel A Movida e para celebralo encargamos á axencia Peaky Branders unha campaña con mensaxes moi viguesas. O resultado foi un conxunto de carteis cun novidoso formato, adaptado ás costas de Vigo e unha pregunta para os viandantes “quen está detrás destes carteis?” que debían resolver a través dun formulario online. Esta mañá fixemos unha segunda pegada de carteis, desvelando finalmente que A Movida somos os autores dos carteis e convidando á cidadanía a asistir á nosa festa de quinto aniversario, que celebramos o 13 de outubro.

Membros de A Movida, pegando os carteis do desvelo esta mañá | Foto: Arancha Brandón

A semana pasada as principais rúas en costa da cidade de Vigo apareceron cubertas cuns cartaces moi particulares, colocados e adaptados á pendente específica de cada rúa “adaptados para a lectura nunha cidade en costas”. As mensaxes escritas nos propios carteis tamén chamaban a atención polo seu carácter retranqueiro que conectan directamente co imaxinario vigués. Aquí algúns exemplos:

Ao longo de toda a semana especulouse coa autoría desta campaña tanto a través das redes sociais como a través do propio formulario QR que acompañaba aos cartaces e que animaba aos viandantes a adiviñar de que se trataba. O Mítico Jicho, Estrella Galicia, Putos Modernos, o Concello de Vigo e mesmo o alcalde foron algunhas das suposicións que recibimos.

Entre as moitas persoas que compartiron sorprendidas estes carteis nas súas redes, destacan algunhas figuras relevantes da cultura viguesa. O actor Antonio Durán ‘Morris’ preguntábase “Quen anda detrás disto?”, mentres que a escritora Ledicia Costas parafraseaba a Nirvana cun “Smells Like Vigo Spirit”. O tamén escritor Pedro Feijoo bromeaba coa famosa tortilla do Carballo, a cantante Wöyza consideraba estas frases como “miticadas de Vigo” e a cómica Jazmín Abuín recoñecía saber quen está detrás destes carteis… pero que non o ía desvelar.

REVISTA NOVEMBRO

Esta mañá realizamos unha nova pegada de carteis coas mesmas mensaxes, pero nos que aparece o logo da revista cultural A Movida e nos identificamos como impulsores desta campaña. O motivo é a celebración do nosos quinto aniversario, tal e como adiantamos a inicios de ano nesta entrevista con Tamara Novoa, fundadora do proxecto. No propio cartel convidamos a todos os vigueses e viguesas á festa de quinto aniversario que celebramos o 13 de outubro no salón rexio da Sede do RC Celta, na rúa Príncipe.

Pablo, Paula e Tamara, integrantes de A Movida, pegando os carteis do desvelo esta mañá | Foto: Arancha Brandón

Festa de aniversario e primeiros premios á cultura viguesa

A festa para celebrar os cinco anos da revista arrancará ás 19:00 h e incluirá unha performance de poesía, unha actuación musical e DJ. Ademais, acollerá a entrega dos primeiros Premios A Movida á cultura viguesa. Estes galardóns que nacen co propósito de apoiar e visibilizar o movemento cultural da cidade teñen catro categorías: Premio a un creador/a vigués pola súa traxectoria, Premio a un novo proxecto cultural e Premio a un negocio vigués que apoia a cultura. O cuarto premio será escollido coa axuda dos seguidores d’A Movida e premiará a creatividade dos vigueses que algunha vez participaron na sección ‘As túas movidas’ que a revista publica cada mes coa colaboración da Universidade de Vigo. Nos próximos días anunciaremos a programación completa da festa a través das redes sociais e o nome das persoas premiadas.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.