REVISTA OUTUBRO

A Orquestra Vigo 430 pecha este mes de outubro o ciclo ‘Orixes’ e prepárase para celebrar o 20 aniversario

A Orquestra Vigo 430 despídese da tempada 2023/24, titulada «Orixes», con dous concertos de cámara no Salón Regio da Sede do R.C. Celta o 26 e 27 de outubro e anuncian que en 2025 teñen preparada unha potente programación para celebrar o vinte aniversario da agrupación.

“Pechamos o ciclo ‘Orixes’ con dous concertos de cámara que prometen ser inesquecibles”, sinalan desde a Orquestra Vigo 430 en relación aos dous recitais que teñen preparados para o sábado 26 e o domingo 27 de outubro no Salón Regio da Sede do R.C. Celta. As protagonistas destes concertos son a violonchelista Li La e a violinista Nadia Kalmykova, que estará acompañadas polos pianistas Brenda Vidal e Brais González, respectivamente.

O concerto do sábado celebrarase ás 20:00 h e o programa incluirá as dúas pezas op.77 de Jean Sibelius, xunto ás sonatas para violoncelo e piano de Claude Debussy e Edvard Grieg, ofrecendo unha velada cargada de emotividade e virtuosismo. A xornada do domingo arrancará ás 12:00 h e se ofrecerá un repertorio igualmente atractivo para violín e piano, no que destacará a soada sonata «Primavera» de Ludwig van Beethoven. Tamén se interpretará a sonata no 2 de Maurice Ravel. Como broche de ouro, poderase gozar da obra de Ravel «Introdución e allegro» cunha suxestiva formación que incluirá arpa, clarinete, frauta e cuarteto de cordas, creando unha atmosfera musical única e envolvente. As entradas para ambos concertos están dispoñibles na páxina web de Ticketrona.

Para finalizar o ano a Orquestra Vigo 430 ten preparadas dúas sorpresas máis. En colaboración con Amigos de la Ópera están traballando na produción operística «Madame Butterfly» que se representará o 27 de outubro no Teatro Afundación. A orquestra viguesa tamén se atopa inmersa preparando a participación como agrupación residente no Concurso de Novos Compositores, organizado pola SGAE e o CNDM, que se celebrará no Teatro Reina Sofía de Madrid e que terá lugar o próximo 18 de novembro.

Pechan o 2024 coa vista posta no 2025, ano no que a orquestra celebra o vinte aniversario; efeméride que queren celebrar por todo o alto, con seis concertos que se celebrarán entre xaneiro e maio como se detalla a continuación.