REVISTA ABRIL

A Vig-Bay soña con celebrar o seu 20 aniversario cunha maratón

Este domingo celébrase a 19 edición da media maratón Vigo-Baiona, que un ano máis bate récord de participantes con máis de 5.000. A organización adianta que se está a estudar a posibilidade de organizar unha maratón para celebrar o vinte aniversario da proba, que será o 7 de abril de 2019.

REVISTA ABRIL

Imaxe da salida da edición do ano pasado | @VigBay

Os runners volverán a facerse coa estrada que une a Vigo e Baiona este domingo. Máis de 5.000 persoas participarán na 19 edición da Vig-Bay. A media maratón de referencia do noroeste peninsular, como sinalan dende a organización “o éxito da proba foi o saber ir crecendo pouco a pouco. Fomos das primeiras probas deste tipo e nos últimos tempos fóronse sumando máis e máis ao noso redor, pero soubemos manter o tipo.” Aínda que este ano volveron a bater récord de participación adiantan que a Vig-Bay polas súas características nunca poderá acoller un gran nivel de participantes como medias maratón doutras cidades que chegan a 10.000 ou 20.000 inscritos. Non obstante, para celebrar o 20 aniversario da proba estase a estudar a posibilidade de que en 2019 a Vig-Bay sexa un gran maratón de 42 km de lonxitude. “Trátase dunha edición especial para nós e gustaríanos celébralo cunha maratón que se celebraría só o vindeiro ano de maneira excepcional”, explicou Pilar Ruíz na presentación da proera esta mañá na sede de Afundación. E engade que lles gustaría dar unha oportunidade a todos aqueles corredores que se queren estrear na maratón a facelo na nosa contorna “é moita a xente que nos di que a primeira media-maratón que fixeron foi a Vig-Bay, e son moitos tamén aos que lles gustaría dar un paso máis”.

Sen dúbida a Vig-Bay conta verdadeiros adeptos. Un total de 23 persoas teñen repetido e completado a proba nas 18 edicións que ata o de agora se teñen celebrado “unha cifra considerable se temos en conta que no mundo do deporte é moi doado ter nalgún momento algunha lesión que te impida participar”, sinalou Ruíz. Ademais, hai inscritos en tódalas categorías a partir dos 28 anos (idade mínima para poder participar) ata máis de 65 en mulleres e máis de 70 en homes. E unha vez máis gran participación de corredores con diversidade funcional.

O pistoletazo de saída será ás 10 da mañá na praia de Samil e a carreira discorrerá como cada ano pola costa de Vigo e Nigrán para rematar no Parque de la Palma de Baiona. Tanto en Samil como no parque da Palma haberá actividades durante todo o día nas que se repartirán premios entre tódolos participantes. Ademais dende ás 8:30 da mañá haberá servizo de bus dende Baiona ata Samil para todos aqueles inscritos que o precisen e ao final da carreira se lles volverá dar este servizo a todos aqueles corredores que o desexen. A organización tamén pon a disposición dos participantes un servizo de gardarroupa con MRW que trasladará as chaquetas e mochilas dos corredores dende a saída á meta.