REVISTA ABRIL

A hostalería viguesa adáptase á nova situación

Se o outro día falabamos de como as novas restriccións afectaban ao mundo dos espectáculos en directo, non se pode obviar ao que posiblemente sexa o sector máis afectado: a hostalería. Para coñecer como o están a vivir os seus protagonistas, contactamos con Álex de El Monto Vintage, Julio de Verde Mostaza e Pedro de Trepia Gastronomía.

Non se fala doutra cousa: agás algunhas excepcións, desde as 23:00 ata as 6:00, todo o mundo debe estar na súa casa. Isto afecta de maneira máis que notable ao sector da hostelería, tanto en bares como restaurantes. É por iso que está a xurdir unha iniciativa que invita á cidadanía a adiantar os seus horarios de cea, asemellándose máis ao que reina no resto de Europa. Comezando o ágape entre as 19:30 e as 20:30 poderemos seguir gozando de comidas de calidade nos diferentes restaurantes e aínda nos sobra tempo para voltar aos nosos fogares.

En El Mono Vintage ( Rúa Velázquez Moreno 37), por exemplo, van optar por “abrir máis cedo, ofrecer almorzos máis completos, menús do día asequibles e adiantar o famoso bingo ás 20:00 e ás 21:00“, comenta o seu rexente Alejandro Outerelo. Tamén detecta certo medo na xente, que marcha moito máis cedo do local, o que en última instancia afecta nos ingresos: “Se antes podiamos facturar 700€ nun día, agora facemos 200€, o que repercute nunha reducción do persoal“, resume. Un dos motivos de que El Mono Vintage siga a flote, ademais do empeño do seu capitán, é a reducción do 60% do prezo do alquiler desde que comezou a pandemia: “aplaudo a eses propietarios que son valentes e que coidan aos seus inquilinos. Entendo que eles tamén precisan os cartos, pero se nos botan, a ver quen colle o bar a día de hoxe”.

REVISTA ABRIL

Julio I. Mosquera, de Verde Mostaza (Rúa do Paraguai 6), móstrase aínda algo desconcertado pola medida: “a verdade é unha sorpresa, aínda non sabemos como imos facer, en principio adiantaremos media hora o noso horario, abrindo ás 20:00 e aceptaremos reservas ata as 22:00. Se é para levar ata as 22:45″. Se algo se pode sacar en positivo de todo isto, segundo Julio, é que a xente se acostume a cear máis cedo, aínda que “é dificil comparar con outros países porque aquí saímos de traballar moi tarde, pero penso que os horarios de ceas dos restaurantes son demasiado amplos, impedindo a conciliación da xente que traballa na hostalería”.

Xustamente este venres 30 de outubro volve abrir Trepia Gastronomía (Rúa Carral 9 ) despois dunhas xornadas de descanso cunha serie de novidades: nova carta, novo horario de ceas (19:30 – 22:45), comidas para levar e o proxecto Baovigobar, que se centra no servizo a domicilio de pan bao. “Se xa as noites eres difíciles, agora con estas restriccións van ser moito peor, comenta Pedro Méndez, un dos socios de Trepia. Coincide cos seus compañeiros que esta medida só vai servir para precarizar máis o sector, inxustamente tratado polas administracións, e que se caen eles moitas outras persoas e negocios van detrás.

Outro tema mencionado tanto por Julio como por Álex é que, pechando os bares e restaurantes máis cedo, están facilitando que a xente faga reunións nos seus fogares a partir do toque de queda, aumentando dunha maneira considerable a probabilidade de contaxios. Mentres que os establecementos están regulados por unha serie de normas de capacidade, hixiene e demais medidas de seguridade, nas vivendas particulares non existe ningún tipo de control. Ademais, botan en falta medidas de apoio ou campañas públicas para incentivar o consumo responsable e dentro do horario establecido.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.