CAMELIAS MASCOTAS

A Fundación Laxeiro presenta a ‘xeometría inexacta’ de Lodeiro

A Fundación Laxeiro súmase á conmemoración do XXV aniversario do pasamento de José Telmo Lodeiro ofrecendo a exposición titulada Lodeiro. A xeometría inexacta, un proxecto que incide sobre a importancia da xeometría como elemento fundamental para entender a totalidade da obra de Lodeiro, mesmo a máis figurativa. Estará dispoñible ata o 16 de xaneiro de 2022.

Lodeiro. A Xeometría inexacta articúlase ao redor de tres lenzos de 1976 e 1979 que o pintor titulou cos números: 2, 3 e 4, dándolles así un tratamento serial, como serial parece tamén o motivo e o tema, compostos, nos tres casos por retículas regulares e uniformes repetidas de xeito secuencial en toda a superficie pictórica, con ricas variacións cromáticas que lles confiren un ritmo intenso.

REVISTA NOVEMBRO

A partir destas tres pezas, despréganse un total de quince debuxos realizados con rotulador e case todos sen datar, agás tres pezas de 1971, das poucas nas que a retícula non é o motivo principal e as únicas que están realizadas con técnica mixta. Destaca un segundo grupo formado por catro pezas, nas que o motivo xeométrico varía. Trátase de catro debuxos moi interesantes que conforman un ensaio sobre outras posibilidades da abstracción xeométrica, cunha cadencia ben conseguida no ritmo da mirada, a través da utilización de círculos, semicírculos, paralelepípedos e diagonais.

O resto, oito obras en total, son todos debuxos realizados con rotulador sobre cartolina, sen dúbida, da súa etapa mexicana, variacións sobre un mesmo tema que retoman a composición reticular realizada a modo de mosaico, dos lenzos citados, con innumerables variacións cromáticas que, no seu conxunto, forman un rigoroso traballo de investigación sobre as relacións entre o cromatismo e as formas cadradas, rectangulares e triangulares, contidas unhas dentro de outras.

Esta obsesión de Lodeiro pola xeometría bidimensional e fortemente racionalizada na súa concepción, contrasta co proceso manual, no que o artista desbota a utilización de recursos como padróns, regras e demais elementos utilizados no debuxo técnico, para compoñer estes debuxos a man alzada, como un xesto de afirmación do eu por riba das lóxicas do procedemento debuxístico.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.